QUIROGA PALACIOS, CARDEAL E TRIBUNO DE GALIZA

QUIROGA PALACIOS, CARDEAL E TRIBUNO DE GALIZA

Carmen Polo de Franco, Manuel Fraga Iribarne [ao fondo] e o Cardeal Quiroga Palacios. Santuario dos Milagres, 6/IX/1964. Arquivo do autor.

No libro de “Conversas” [Prol / Carballa, ANT, 2002] fixémoslle a Francisco Carballo un bo feixe de preguntas sobre Quiroga Palacios. A primeira ía sobre a entrevista que tivera con el no pazo arcebispal en Compostela. Dous relixiosos egrexios de Maceda xuntos. Un era cardeal e o outro, naquela altura, director do colexio dos Paúles en Marín: “A entrevista debeu ser no 1957 e foi unha experiencia bonita. Eu tiña a imaxe de Quiroga que había na diocese. Dicían que era un home pastoralista, pero que non tiña preparación doutrinal, que non escribía libros, que non era un teólogo. Por outra parte aparecía como un home solemne, cheo de interese de tipo patriarcal. Era dialogante, espontáneo, moi coñecedor do Noso País. Mesmamente moi interesado na defensa de todo o que tivese que ver con Galiza. El afirmou naquela longa entrevista que tiven con el, que non toleraría, en ningún sitio que el estivese, que ningún galego fose discriminado. Díxome: “se coñeces algún caso, comunícamo, que eu farei todo o posíbel para reparar iso”. Era ademais un home xeneroso e dunha sobriedade espartana”.

Logo incidimos que no centenario do seu nacemento, Francisco Carballo apostara publicamente en Maceda pola beatificación de Quiroga Palacios: “No sentido que se considera hoxe a beatificación como afán de dar relevancia aos personaxes que significan algo. Se seguimos na perspectiva de colocar unha lista de personaxes simbólicos, dentro do episcopado galego, non teño ningunha dúbida. Dos que houbo no século XX elixiría a Fernando Quiroga, pero non para convertelo nun mito. Quiroga fixo cousas importantes: cambio constante, evolución. Non adoptou unha postura determinada. Foi dócil ao cambio aínda que foi duro para el. O Concilio Vaticano II supúxolle un auténtico temporal. Afectoulle pero acolleuno. Foi un home auténtico que viviu na pobreza, na xenerosidade. Comía como os campesiños de Galiza, como ben lembraba Otero Pedrayo cada vez que ía xantar con el ao pazo arcebispal. Un home que dá o pouco que ten, que non se enriquece, ¡que máis lle vas pedir! Ademais está a súa decantación a prol da xente oprimida e represaliada no 36 e isto é moi valioso. A súa actitude no fusilamento do poeta comunista Manuel Gómez del Valle e doutros perseguidos, dignifícao. Tamén é importante o interese pola inculturación dentro das posibilidades que había daquela. El aguanta, pero cando chega o momento, opta para que a lingua do Noso País chegue ás igrexas. Que máis lle vas pedir. Fernando Quiroga é unha persoa con grandes virtudes e grandes valores. ¡Non falta nada para beatificalo!”.

Os comentarios están pechados.