IMAXES COMO PIONEIRO A PROL DA LINGUA

IMAXES COMO PIONEIRO A PROL DA LINGUA

Francisco Carballo e Méndez Ferrín. Foto: Xan Carballa

No libro das Conversas (Prol / Carballa, ANT, 2002) aparecen -nas páxinas 172 e 173- varios documentos gráficos nos que podemos ollar ao historiador Francisco Carballo participando activamente nas campañas a prol da galeguización da toponimia en galego e tamén na Primeira Carreira Popular en Defensa do Idioma Galego, organizada pola Federación de Asociacións Culturais Galegas e abandeirada pola Asociación Cultural de Vigo, que presidía naquela altura (comezos dos anos 80) o presbítero ilustrado de Maceda. Remesounos Xan Carballa outras fotos da mesma xeira nas que vemos a Francisco Carballo co escritor Xosé Luís Méndez Ferrín [o Noso candidato ao Nobel de Literatura], como pioneiros do que hogano son os Correlingua, que se veñen celebrando ao abeiro do Día das Letras Galegas.

Catro imaxes a prol da lingua. Páx. 172-173 das “Conversas con Francisco Carballo” [Prol / Carballa, ANT, 2002]. Fotos orixinais: Xan Carballa

Na primeira fotografía que inserimos nesta achega aparece Méndez Ferrín detrás de Francisco Carballo, moi perto do que hoxe é a Fundación Penzol en Vigo. No segundo documento gráfico podemos ollar as catro fotografías imprentadas no libro das “Conversas”. Na terceira vemos a Francisco Carballo lendo o manifesto que manuscribira o escritor ourensán Millán Picouto. Na cuarta imaxe, xa co testemuño en mans de Méndez Ferrín, comezando a Carreira Popular en Defensa do Idioma Galego, dirixíndose cara a rúa Príncipe de Vigo. O noso agradecemento a Xan Carballa por pasarnos estes documentos gráficos que amosan a un Francisco Carballo sempre comprometido coas causas nobres e coa dignificación do Noso País. ¡Beizón!

Francisco Carballo lendo o manifesto a prol da Nosa Lingua. Foto: Xan Carballa

N. B.- En 2020, a RAG dedicoulle, logo de longas demoras e non poucas discrepancias internas, as Letras Galegas don Ricardo Carvalho Calero. Nós seguiremos traballando para que -na altura de 2025- teñan a ben ir pensando -dende a rúa Tabernas da Coruña- no outro Carballo (Francisco), para que acade ese recoñecemento polos servizos prestados a Galiza como ensaísta prestixioso, creador dunha singular escola de historiadores en clave nosa, conferenciante excepcional, activista en múltiples frontes, columnista de referencia, presbítero inculturado e docente comprometido, que sempre impartiu as súas clases en galego dende o seu regreso de Salamanca en 1973.

Carreira a prol da Lingua con Méndez Ferrín collendo o testemuño que lle pasou Carballo. Foto: Xan Carballa
Os comentarios están pechados.