CARBALLO E FERRÍN

CARBALLO E FERRÍN

Carballo pasándolle o testemuño a Ferrín na Primeira Carreira da Lingua en Vigo. Fonte: “Conversas con Francisco Carballo (ANT, 2002). Foto orixinal: Xan Carballa

Cando artellamos a homenaxe a Francisco Carballo en Maceda, o 4 de agosto de 2000, puxémonos en contacto epistolar con Xosé Luís Méndez Ferrín para invitalo aos actos programados. Mesmo lle suxerimos tivese a ben facer unha evocación nunha das súas columnas semanais no Faro de Vigo. Sempre que lle pedimos algo nesa liña aceptou (Benigno, Gayoso, Carballo, Felos…). ¡Beizón! Aínda que non puido vir a Maceda aquel sábado, imprentou unha sentida columna (Faro, 4/VIII/2000). A relación dos dous viña de lonxe. Ao pouco de chegar Carballo a Vigo en 1973, contactou con Ferrín [Cultural e UTEG]. Esta columna, xunto coas demais escritas por Ferrín naquel ano 2000 no xornal vigués, acadaron o II Premio “Roberto Blanco Torres” de Xornalismo de Opinión. Foran publicadas en formato libro en 2001 pola USC [hogano, mesmo podemos atopar o volume en google books]. Eis unha senlleira columna para enmarcar:

Outra imaxe de Carballo e Ferrín (contextualizada na achega anterior). Foto: Xan Carballa

“Celébrase hoxe na vila de Maceda unha homenaxe a Francisco Carballo, a quen os promotores do acto consideran, con moita razón, o fillo máis sobranceiro vivo do Concello de Maceda, limitando eles prudentemente o eloxio ao mundo dos vivos. Este cronista, que tanto soñou de neno coa Serra de San Mamede e coa súa fauna mítica, únese cordialmente á homenaxe. Desde o Castromao estivera outeando ao lonxe os altores do San Mamede, en cuxas neves morrera o Benigno no 37, e mandeille apertas etéreas ao meu amigo Francisco Carballo, da Congregación de San Vicente de Paúl. Congregación nada ao abeiro dos rigores de Trento, que tanta importancia sociolóxica revestira na reacción neocatólica na provincia de Ourense no século XIX. Os Paúles señoreaban o Santuario dos Milagres e rexentaban o Seminario Menor e maila capela, simbólica do meirande arcaísmo relixioso, de Santa María a Madre, a carón do pazo episcopal.

Mudaron os tempos e os Paúles decidiron facerse presentes no mundo actual. Tomaron un certo partido polas esquerdas políticas e sociais destacando membros nas súas angueiras de avanzada democrática no mundo. Así apareceu en Vigo unha comunidade de Paúles consagrados ao que eles chamaron sacerdocio obreiro e ao galeguismo de vangarda. Coñecinos eu na década do 1970 a 1980 e sempre lembrarei a sinceridade deses cregos honrados e traballadores, que crían sen dobrez na necesidade de cambiar o mundo tanto desde Galicia como desde Sudamérica. Desde aquela quedou sempre nun espazo próximo a min, a nós, Francisco Carballo. 

Persoalmente nunca esquecerei as horas roubadas ao sono nas que Carballo, Domingos Blanco e máis eu debatiamos, nunha casiña dos Paúles sita en Lavadores, dos asuntos da teoría e práctica da esquerda nacionalista. Era aquela unha célula da UTEG (Unión de Traballadores do Ensino de Galicia), organización sindical clandestina. Logo, ao se crear a ANPG, ingresamos todos no novo organismo e, cando centos de militantes fomos purgados en 1977 pola xefatura do BNG, Carballo e eu perdemos o contacto político. El permaneceu no que é hoxe o BNG, eu fiquei cos amigos independentistas que hogano conforman a FPG.

Todo o cal non impediu que, no xuízo derivado da detención masiva de independentistas en setembro de 1980, Francisco Carballo fose declarar perante a Audiencia Nacional, o cal revela magnanimidade e, por qué non dicilo, un valor pouco común. Foi declarar en favor dos que os poderes públicos chamaban “terroristas”. Certo, estas cousas non se esquecen nunca. Como nunca esqueceremos a Francisco Carballo, hai pouco, por certo, dando o peito na Delegación do Goberno na Coruña para pedir a liberdade dos presos e das presas independentistas actuais.

Alén diso, alén da súa xenerosidade e apertura de ánimo, Francisco Carballo é un home profundo, sensíbel, intelixente e traballador. Autor dunha obra importante en materia teolóxica e da Historia da Igrexa Católica, a partir dos anos setenta a súa curiosidade e a súa pluma vérquense sobre Galicia e convértense ao idioma galego para sempre. ¡Feliz conversión!

Desde os anos 70, dúas lealdades de Carballo conflúen: a Patria e a fe católica que el, coma os mellores dos seus, prefire, cunha táctica moi comprensíbel, chamar a penas cristián. A isto habería que unir unha sensibilidade e un desexo de igualdade no mundo que aproxima a Francisco Carballo á teoloxía da liberación e ao socialismo como horizonte no mundo real. Unha obra abundante e varia, na que o pensamento e a desvelación histórica se alían a unha dicción directa e fonda, fai que este varón amigo e sabio, campe no panorama da cultura galega contemporánea coma un carballo (velaí a maxia da onomástica), dispensador de paz, doutrina e cordialidade”. [Faro de Vigo, 4/VIII/2000].

Ferrín co testemuño a prol da Lingua polas rúas de Vigo con Carballo e outr@s participantes. Foto: Xan Carballa
Os comentarios están pechados.