O CENTRO DE RECUPERACIÓN DE FAUNA DO RODICIO

O CENTRO DE RECUPERACIÓN DE FAUNA DO RODICIO

Águia pescadora coidada no CRF do Rodicio (Maceda) Fonte: Faro de Vigo, 3/VIII/2021

O Centro de Recuperación de Fauna do Rodicio (tel. contacto: 628 358652) leva algo máis de tres décadas con nós. Intertextualizamos á web da Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia: “Ten como finalidade o coidado e a recuperación dos exemplares da fauna silvestre autóctona que non estean en condicións de subsistir por si mesmos no medio natural. O seu principal obxectivo é a súa reintegración ao medio natural ou, se isto non é posible, a súa integración en programas de conservación ex situ ou de educación ambiental” (pinchar eiquí).

En Galicia temos catro centros destas características: O CRF de Santa Cruz  (concello de Oleiros, A Coruña), o CRF do Veral (no concello de Lugo),  o CRF do Rodicio (no concello de Maceda, Ourense) e o CRF de Carballedo (no concello de Cotobade, Pontevedra). Cada un deles encárgase da rehabilitación de toda a fauna silvestre enferma ou ferida recollida na súa provincia.

Fonte: Telemiño, 29/VII/2022

Seguimos as consignas da Consellería de Medio Ambiente: “Un animal silvestre ferido, enfermo, necesita da atención e dos coidados que se lle poden proporcionar nos CRF, para poder ser reintegrado de novo no medio natural. No caso de atopar un animal neste estado o primeiro que deberás facer é observar se efectivamente se trata dun animal silvestre e se realmente necesita axuda. A continuación, dá aviso inmediatamente a calquera dos seguintes centros ou servizos de asistencia para que sexa trasladado ao CRF correspondente. Chamar ao Centro de Recuperación de Fauna da túa provincia, ao Servizo de Patrimonio Natural da Xefatura Territorial da Consellería da túa provincia, ao Servizo de Protección da Natureza (SEPRONA) da Garda Civil ( tel.: 062), ao Servizo de Protección Civil Municipal no teu concello, ao Centro de Atención de Emerxencias de Galicia (tel.: 112).

Anota todos os datos que poidas do punto de recollida exacto (a localización, lugar, concello, etc…), a hora na que o atopaches e o estado do animal no momento da recollida. É moi importante que entregues toda esta información escrita á persoa que o recolla para que os expertos poidan aplicar o tratamento correcto, e sobre todo para que sexa devolto ao seu punto de orixe cando estea restablecido”.

Fonte: La Región, 30/VII/2022

Logo engaden outras recomendacións: como prestar axuda a un animal ferido, como actuar tras recoller un animal silvestre enfermo ou ferido e outros consellos (pinchar eiquí). O CRF do Rodicio “tamén actúa como centro de información meteorolóxica e colabora con outras consellerías en estudos sobre o terreo de cultivos como a selección e adaptación de variedade de patacas”. Outrosí “un programa de educación ambiental para aqueles centros escolares que o soliciten para concienciar aos máis novos da importancia de conservar a biodiversidade e ofrece a posibilidade de realizar prácticas en colaboración con centros e universidades para alumnado de ciclos forestais, grados universitarios de bioloxía, ciencias ambientais, etc”. Múltiples tarefas abondo interesantes ao abeiro da Depresión Tectónica de Maceda. Beizón!

Os comentarios están pechados.