NA HOMENAXE NACIONAL EN MACEDA A F. CARBALLO

NA HOMENAXE NACIONAL EN MACEDA A F. CARBALLO

O retrato do reporteiro gráfico Santi M. Amil, vencellado ao Grupo Voz, datámolo o 27 de decembro de 2014, cando tivemos a ben artellar a Homenaxe Nacional de Galiza a Francisco Carballo en Maceda, case un mes despois do seu pasamento en Santa Marta de Tormes (Salamanca), o 29 de novembro daquel ano. Fora adiante no Salón Multiusos que dispón para estes eventos o Concello de Maceda. Participaron o noso alcalde naquela altura, Xabier Oviedo; o portavoz nacional do BNG, Xavier Vence; o Presidente da AELG, Cesáreo Sánchez Iglesias; o presbítero paúl Manolo Peleteiro, o ex alcalde de Maceda, Bieito Seara; a sobriña de Carballo, Milagros Calvo e o editor e xornalista Xan Carballa. Na homenaxe, ademais de diversas actuacións musicais (nomeadamente do amigo e cantautor Pi), proxectouse o entrañábel vídeo de Xan “Francisco Carballo, sempre no corazón”. Nós fixemos o propio como mantedores do acto no que todo saíu ben (moi aqueloutradamente), cun Multiusos atestado de público. Alí atopábanse os cadros máis salientábeis do BNG de antano e de hogano (Bautista Álvarez, Paco Rodríguez, Jorquera, Lobeira, Francisco García, Ana Pontón…), O xornal Sermos Galiza imprentaba o 19 de decembro daquel 2014: “Durante a súa longa traxectoria de compromiso nacionalista e activismo en plataformas políticas, culturais e sociais, e pola súa rigorosa e intensa faceta de investigador, Francisco Carballo convertérase nunha das persoas máis respectadas e apreciadas do nacionalismo organizado en Galiza”. Eis o fermoso vídeo de Xan Carballa:

Os comentarios están pechados.