A PRIMEIRA PISADA SOBRE O NAVEGANTE JOÃO DA NOVA

A PRIMEIRA PISADA SOBRE O NAVEGANTE JOÃO DA NOVA

Achegámonos por primeira vez á figura de João da Nova nun incunábel familiar, que gardamos con moito agarimo no noso estudio en Compostela. Estamos a falar de “Geografía General del Reino de Galicia. Provincia de Orense”, acabado de redactar por Vicente Risco, xa que logo, parte do traballo de investigación (deste singular volume de 884 páxinas), levaba autoría de don Benito Fernández Alonso, que xa exercía a “Ourensanía” nas primeiras décadas do século XX. A obra global, composta por seis tomos, estaba dirixida por Francisco Carreras y Candi (valorada na actualidade nunhas 224.621 pesetas de antano, léase uns 1.350 euros de hogano). A edición correra a cargo da Casa Editorial Alberto Martín de Barcelona. Como case sempre unha editora de fóra tomara a iniciativa a prol da Nosa Identidade. Pasaría o mesmo cinco décadas despois coa “Gran Enciclopedia Gallega”, que fora inventiva dun editor asturiano. Fernández Alonso morrera en 1922 e o volume dedicado a Ourense quedara a medio facer. Risco fora o encargado de fornecer e rematar aquel delongado traballo, previa declinación do presbítero ilustrado, de orixe maragato, don Marcelo Macías. O conxunto dos seis volumes apareceu (en castelán) no ano 1928.

No apartado dedicado a Maceda, dentro da sección “Hijos Ilustres” (páx. 388), Risco tivo a ben escoller ao prelado pirómano Pedro Iáñez de Nóvoa,  ao insigne humanista e poeta oficial da cidade de Ourense, don Xosé García Mosquera, e tamén a João da Nova (que castelanizaba como Juan de Nóvoa). Imos exhumar e verter o imprentado por don Vicente, que fixera boa parte do traballo na súa casa familiar de Castro Caldelas, e que nos marcou o vieiro para mergullarnos, anos despois, nunha das aventuras máis fascinantes das nosas vidas, mesmo ao tirar do prelo da Deputación de Ourense o volume referencial “João da Nova, un mariño galego ao servizo da Coroa de Portugal (Prol: 2002a) e a exposición permanente “João da Nova, o descubridor galego do século XVI” (Prol: 2002c). Eis o parágrafo:

 “Juan de Nóvoa (coñecido nas crónicas portuguesas por João da Nova), da mesma e ilustre liñaxe que o bispo de Ourense, don Pedro Iáñez de Nóvoa, da Casa de Manzaneda de Limia (Maceda), serviu aos reis de Portugal don João II e don Manuel I. Levou o mando da terceira expedición portuguesa á India. Embarcado en Lisboa, o 5 de marzo de 1501, con catro navíos. No Atlántico descubriu a Illa Ascensión, que el chamou Concepción. No Océano Índico pechoulle o paso unha escuadra de máis de cen buques que contra el enviou o Zamorín de Calicut. João da Nova atravesou entre a escuadra inimiga, botando a pique catorce barcos indios. Ao seu regreso descubriu a Illa de Santa Helena, onde foi pra morrer alí Napoleón Bonaparte, a quen tamén os galegos foron os primeiros en vencer. João da Nova finou en Lisboa en 1540”.

Nesa referencia aparece imprentado un erro que Risco recolle literalmente de Fernández Alonso. O navegante João da Nova morreu en Cochin, na India, en 1509. Aparecería corrixido, documentado e contrastado na nosa monografía de 338 páxinas (Prol: 2002). Logo desta lectura quedamos engaiolados co persoeiro. A el dedicámoslle boa parte da nosa enerxía ao longo da vida. Coa axuda do activista José Juan Pérez fomos fornecendo unha bitácora moi vizosa, que puxo a Maceda no mapa do universo dixital, co vencello deste descubridor (www.blogoteca.com/joaodanova). E nesa teima seguimos. Na próxima achega dedicada ao galego máis relevante do século XVI, iremos contando como fomos xestando o libro da súa apaixonante vida, un dos que consideramos máis aqueloutrados de todos cantos temos imprentado até o de agora e que mesmo merecería unha reedición. Obrigado.

Eis unha ilustración dos 6 volumes deste incunábel transcendental sobre a nosa identidade (1928).

Comentarios pechados.