FELO TIC

FELO TIC

Felo de Maceda no ENFELARTE deste 2024. Foto: Santiago Prol

Na liña transgresora dalgúns felo-textos do Emilio Araúxo, esta imaxe dun felo “rico” [léase ben vestido], amosa un innovador rexistro no historial do espírito anárquico e rebelde da nosa máscara ancestral do Entroido. Foi no medio do ENFELARTE deste 2024. A irrupción atronadora de media ducia de felos no salón de plenos do Concello de Maceda [xusto cando a costureira Mercedes López Pascual explicaba didacticamente como se confecciona un traxe], amosou quen ten “poder” nestas datas.

No acto estaba a alcaldesa de Maceda e o tenente alcalde, que contemplaron como os felos “invaden e gobernan temporalmente”, sen consignas, directrices ou organigramas ao uso. O FELO TIC captado pola imaxe fotográfica, aparece moi concentrado, a piques de teclear no ordenador portátil co que, pouco despois, se proxectaría a “curta en vena” do cineasta Eloy Domínguez, titulada “Os corpos”, filmada [en parte] na abraiante Baixada da Marela de 2020.

Teriamos que mergullarnos na etoloxía do cervo que amosa na mitra e na simbiose do “look” albeiro do conxunto do traxe deste felo vilego, que non intimida e que semella empático e conciliador. ¡Beizón! 

Os comentarios están pechados.