MAXESTOSA BAIXADA DA MARELA
No Entroido de 2014 a creatividade da xente abeirada ao universo dos Felos levou adiante unha afortunada iniciativa pra encher un oco na vila ao empardecer o día grande. Dende había máis dunha década xa se centraban os percorridos no Sábado [tamén no Domingo con outro enfoque libertario…]. Co enigma sempre presente, fixeron unha aposta que, inicialmente conectaba coa Morena de Laza, pero que sobordou expectativas e comparativas. Aquela idea primixenia, coa oportuna descuberta de vacas talladas en madeira de tempos lonxincuos, foi medrando na reminiscencia dunha arcaica tradición abeirada á Serra de San Mamede. Repasando as imaxes, os vídeos e as lembranzas de 2014 e as das últimas convocatorias, o salto exponencial resulta abraiante: [2014] / [2019] / [2023] (Fonte das imaxes: felosdemaceda.com).
En febreiro de 2019, Sermos Galiza publicou o monográfico “Antroidos e máscaras na Galiza rural”. De todos eles, sobrancean as páxinas dedicadas ao Entroido de Maceda e, nomeadamente, ao fenómeno da Baixada da Marela, coa portada, textos e fotos abondo interesantes do xornalista Alfonso García Santos e unha singular introdución do arqueólogo e museólogo Felipe Senén López [pinchar eiquí].
Eis o máis salientábel: “En Maceda, na noite do Sábado de Antroido, logo do percorrido dos Felos polas aldeas da Serra de San Mamede, realízase a Baixada ou Solta da Marela dende o Toural até o centro da vila. Dende o Bar Indio, a comitiva percorre as rúas con grandes fachos, botando fariña e farelos aos visitantes, mentres a Marela vai perseguindo e corneando aos que atopa polo camiño (…). Vacas, bois e touros son figuras de animais moi presentes no Antroido. No Concello de Maceda, no ano 2014, a Asociación Cruceiro de Maceda recuperou unha destas figuras, unha vaca chamada Marela, unha estrutura de madeira, cuberta cunha manta vella, que representa o corpo da vaca, cunha cabeza, tamén de madeira, rematada con dous cornos de vaca e unha longa lingua vermella (…)”.
O xornal La Región, no Entroido de 2022, titulaba: “A espectacular Baixada da Marela, tradición, lume e emoción en Maceda”. Apoiaba a edición dixital co vídeo que encabeza esta achega e cun salientábel texto de Paula Palomanes na liña da nosa percepción [pinchar eiquí].
En eldiario.es/galicia, o escritor e periodista Daniel Salgado imprentaba, o 17 de febreiro de 2023, que o reputado fotoxornalista Brais Lorenzo retratou nos últimos anos as principais figuras do Entroido galego. A primeira [e logradísima] imaxe é da Baixada da Marela [pinchar eiquí]: “Na foto que encabeza esta información é sábado pola noite no pobo de Maceda (…). Polas súas rúas descende unha especie de tótem cornudo escoltado por persoas enmascaradas, tamén cornudas. A Marela -un dos nomes máis comúns en Galicia pra bautizar as vacas- baixa á vila [nun carro tirado pola comitiva transmutada]. Lume, peles, gallas de árbores, o universo animal e vexetal… O ritual repítese cada Entroido. O intre máis intenso do ciclo de celebracións, que segundo algúns antropólogos, despide o inverno na vella Europa”.
A creatividade inicial foi evolucionando, trocándose en fascinante enerxía colectiva, nunha implicación abraiante de nós, cunha posta en escena descomunal [unha maxestática “performance”], nunha atávica procesión con engaiolantes fachóns e carautas cornúpetas con reminiscencias de antano… Hogano conforma o evento máis potente e singular de todos cantos se desenvolven no Entroido da Galiza rural e vilega, mesmo alén do Padornelo… O poder de convocatoria vai a máis co paso do tempo. Cúmprense agora dez anos desta escintilante iniciativa. E sempre, sempre ao abeiro do enigma… ¡Beizón!
N.B.- Dende o asociacionismo vencellado aos Felos de Maceda, este ano van dedicarlle a Baixada da Marela ao malogrado felo Luís Sandín Nóvoa que nos deixou recentemente. ¡Que lle sexa leve a terra!