A REPORTAXE QUE PUXO AOS FELOS NO PLANO MEDIÁTICO

A REPORTAXE QUE PUXO AOS FELOS NO PLANO MEDIÁTICO

Contraportada do xornal La Voz de Galicia, 8/II/1989. Arquivo do autor

O 8 de febreiro de 1989, apareceu na contraportada do xornal La Voz de Galicia, un traballo pioneiro do periodista Federico Cocho, que estivera en varias aldeas de Maceda para artellar aquela reportaxe. Os Felos de Maceda lograban a última páxina completa do xornal de maior difusión en Galicia [naquela altura edición global]. Até daquela apenas eran coñecidos mediaticamente fóra da nosa contorna. De feito o xornalista comezaba dicindo que non fora doado localizalos, aínda que nunca deixaran de aparecer por Vilardecás, Tioira, Santirso, Barxela, Xinzo da Costa ou Castro de Escuadro [as aldeas nas que estivera facendo o seu cumprido traballo de campo]. Mesmo engadía que os Felos se mantiñan no anonimato das aldeas abeiradas á Serra de San Mamede, aínda que eran moi poucos. Cuantificaba entre dez ou quince veciños como máximo os que se vestían de Felos na contorna de Maceda.

Logo das peculiaridades dos Felos a respecto das “máscaras xemelgas” de Laza e Verín, o xornalista engadía fasquías salientábeis. Recollía dunha das testemuñas: “Antes si que era ser Felos. Agora van en coche, pero daquela andabamos quilómetros e quilómetros polo monte e polas corredoiras. Bebiamos doce ovos con viño nas horas de trouleo, senón, ¿quen resistía?”. Subliñaba que a tradición seguiu manténdose logo da Guerra Civil, malia as dificultades, pois a Benemérita non permitía que se tapasen a cara (…). Ao haber menos máscaras e indumentarias que as reclamadas [naquela altura dos anos 80], algunhas casas alugábanas. Mesmo comentaba que “a existencia dos Felos xa era coñecida nos anos 20 (do séc. XX) polo polígrafo ourensán Vicente Risco, o primeiro investigador galego que se tomara en serio o estudo do Entroido”. Concluía que “Maceda está moi próxima ao concello de Laza. Apenas os distancian uns quilómetros pertencentes ao municipio de Vilar de Barrio. Tanto Risco como Bouza Brey destacaron sempre que o ámbito da existencia dos peliqueiros foi antano moito máis amplo que hoxe, aínda que se lles denominase doutro xeito, como é o caso dos Felos de Maceda”.

Felo en Vilardecás (Maceda) de “O Carnaval en Galicia” (Xerais, 1990) / Portada de “O Entroido galego” (ANT, 1998) de Federico Cocho. Arquivo do autor

Un ano despois desta salientábel achega xornalística, Federico Cocho publicou un libro capital que foi referente durante bastante tempo. “O Carnaval en Galicia” aparecía editado por Xerais en 1990. Aos Felos de Maceda dedicáballe as páxinas 124-126 [e a 87 na que insería a foto dun felo de Vilardecás coa cara destapada, que xa aparecera na publicación primixenia, autoría da fotoxornalista Pili Prol]. Oito anos despois, en 1998, Federico Cocho tirou do prelo d’ANT, o libro “O Entroido galego”, unha esclarecedora síntese de todo o que levaba traballando neste eido. Posteriormente publicaría, este xornalista orixinario de Xinzo de Limia, o apartado “As caras do Entroido da Limia Alta e da Limia Baixa” no luxoso volume “As caras do Entroido Ourensán” [no que nós tamén colaboramos co de Maceda], publicado pola Deputación de Ourense e a Fundación Caixa Galicia en 2009. A ese singular volume meterémoslle o dente noutra achega. ¡Beizón!      

Os comentarios están pechados.