QUIROGA PALACIOS, O CARDEAL DINAMIZADOR EN CLAVE NOSA

O 21 de xaneiro de 2000 cumpríase un século do nacemento de Fernando Euloxio Quiroga Palacios na vila de Maceda (Ourense). Aquel día, en todas as edicións do xornal La Voz de Galicia, apareceu imprentada unha columna de opinión da nosa autoría, que resiste ben o paso do tempo e que imos recuperar un cuarto de século despois:
“Hoxe, hai cen anos, nacía Quiroga Palacios. Na convulsa etapa republicana esbozou a imaxe dun sacerdote reflexivo, incitado pola súa química co galeguismo cultural, atestado de católicos. Tentouno en publicacións da época. En Logos escribiu [en galego] os máis logrados. Apoiou, animado pola órbita de Nós e logo, pola escindida Dereita Galeguista, o plebiscito estatutario do 36. Cando a irracionalidade dexenerou en guerra, Quiroga Palacios converteuse nun decidido home de acción. Nos anos máis duros da posguerra procurou unha política de portas abertas, que multiplicaría en Compostela dende a cadeira arcebispal dende o 1949. Consonte Antonio Fraguas “representaba a galeguidade, o respecto ás tradicións e a esperanza de Galicia”. Case ninguén se sentiu defraudado, se temos en conta o difícil contexto histórico. Reforzou o seu proxecto pastoral en 1953 como cardeal.

¿Magnificouse a súa dimensión a prol da galeguidade? Publicou en galego nos anos 30. Foi o primeiro cardeal en toda a Historia que oficiou unha misa en galego [15 de xullo de 1971 en Iria Flavia]. Conseguiu que a liturxia se puidese empregar en galego dende xaneiro de 1969. Consonte o historiador Francisco Carballo, dende o remate da IV sesión do Concilio Vaticano II, “converteuse nun dos cardeais máis abertos e dialogantes e tivo unha pastoral de preocupación intensa por Galicia”.
¿Foi Quiroga Palacios un factor de transformación ou reforzou o sistema ditatorial? Dentro das regras coas que se podía xogar no nacional-catolicismo moveuse, con moito tacto, mais moveuse. Entrevistouse en París con exiliados do nivel do lehendakari vasco Aguirre. Conseguiu de Franco conmutación de penas e grazas a presos políticos e comúns. Nas alocucións en resposta ao xefe do Estado, os 25 de xullo que coincidían en domingo [Ano Santo], deixou caer demandas para Galicia, que mesmo se trocaron en esixencias na de 1971. Foi clave na Historia da Igrexa Galega do século XX. Dende o Vaticano II trocou a mentalidade, aínda que o pillou maior. Foi comprensivo coas novas correntes de pensamento cristián e tamén en clave Nosa.
¿Por que bispos de orixe galega, cregos progres, ex curas comprometidos, galeguistas históricos, intelectuais, políticos e historiadores de hogano, ollaron ao Cardeal Quiroga Palacios con profunda consideración e recoñecemento?”
