EMILIO ARAÚXO, NO TELÚRICO TERRITORIO FELO

EMILIO ARAÚXO, NO TELÚRICO TERRITORIO FELO

Emilio Araúxo e un Felo no Entroido de Maceda, 8/III/2017. Foto: Santiago Prol

Nunha das nosas visitas á Librería Couceiro en Compostela, na procura dun volume pra contextualizar a biografía que estabamos a facer sobre Benigno Álvarez, obsequiáronnos cun sorprendente libro do poeta francés Claude Royet-Journoud titulado “Frases para un felo”, que acababa de editar o selo AMASTRA-N-GALLAR (2002). As fotografías eran de Emilio Araúxo, artífice deste singular selo editorial. Logo virían moitos máis [en edición non vernal]. O propio Emilio Araúxo denominounos felo-textos. El remesaba unha ou varias fotografías a poetas, antropólogos, etnógrafos, escritores… de medio mundo pra que escribisen sobre o que lles evocaban esas imaxes arredor do enigma dos Felos de Maceda.

Emilio Araúxo, o patriarca Manuel Garrido Silva e a poetisa Helena Eriksson vestida de Fela no Entroido de 2017. Foto: Santiago Prol

O escritor Miro Villar fala de “propostas de diálogo formuladas polo editor” nun aqueloutrado artigo en La Voz de Galicia. Non sabemos cantos felo-textos leva editado Emilio Araúxo. Nós temos, xunto con outros relevantes libros abeirados [no eido da etnografía] que el nos pasou da súa autoría, arredor de 80 volumes [moitos felo-textos poden localizarse [e descargarse] na web que acertadamente administra o activista macedán José Juan Pérez Ramos, https://felosdemaceda.com/felotextos/ . Ademais dun bo feixe de autores galegos, alí podemos atopar creadores de máis dunha ducia de países que asinaron os seus felo-textos… Unha admirábel iniciativa do Emilio Araúxo que abraia e pola que Maceda estará en débeda permanente con el. 

Portadas de dous felo-textos. Foto: Santiago Prol

No Entroido de 2015 os Felos de Maceda quixeron facerlle unha merecida homenaxe a este singular editor, que amosou unha enorme sensibilidade, empatía e implicación arredor do enigma do Noso Entroido. Colaboraron unhas 30 persoas e entidades naquela fermosa publicación que titularon “Homenaxe a Emilio Araúxo”, que se pode atopar pendurada na -insistimos- imprescindíbel páxina web que administra o José Juan arredor do universo Felo. Solicitáronnos naquela altura unha breve achega para a mesma que titulamos “Emilio Araúxo, no telúrico territorio Felo. Sempre”.

Homenaxe dos Felos de Maceda a Emilio Araúxo [14/II/2015] Fonte: felosdemaceda.com

Eterna pelerinaxe ao Val do Medo. Profunda dimensión ética. Paradigmática encriptación do enigma. Acesa etnoloxía poética. Vizosa fonte de cosmopolitismo. Teimosa afirmación no universo Felo. Inconmensurábel altruísmo. AMASTRA-N-GALLAR. Moreas de felo-textos. Poemas errantes imprentados. Dende Francia, Suecia, Italia, Rusia, China, USA, Irlanda, Noruega, Canadá, Armenia, Portugal, Euskadi, Galiza, Maceda…. Terra do millo. Felos de brétema. Curta apaixonada. Fondura poética. Felos como vínculo. O arcano de fondo. Felos de profundas verbas. Boureo de rexos Felos. Entroido no agro irrupción. Felos de naturezas invisíbeis. O feminino e o masculino ensarillados. A carauta vela e desvela. Unha grande canfurnada. Ao abeiro das corgas da Serra. Anonimato baixo a máscara. Felo labrego. Chocas do inferno. Mitra celeste con cervos. Outrosí cos lobos milenarios. Carautas voyeur-videntes. Carguizoi literaturizado. Tioira e Castro tamén. Fela sueca espida en París. Inmortalizada por Claude Royet-Journoud. Respostas sen descifrar. No corazón do San Mamede. Reencarnación en Felo. Felo disfrazado de filósofo. Filósofo vestido de Felo. Autorretrato do Felo. Autorretrato do filósofo. Máscara pensamento. Bonhomía. Xenerosidade. Consigna. Codificación. Parodia. Simulacro. Repetición. Mímese. Burla. Deconstrución. Fidelidade ao enigma. Destrución das xerarquías. Mundo ancestral. Fondura de pensamento. Felo licuifactivo e manancial. Helena Eriksson lapidaria: I love Peliqueiro but I am Felo. Sentimento cosmopolita. Universalización do tótem. Na cerna do Xigante Durmido. Dende a noite dos tempos. Inmarcesibilidade da máscara. Criptográfica supervivencia. No Val da poesía enfelada. Abeizoado Felo Emilio. Obrigado Felo Araúxo. No País de Maceda. Sempre”. SANTIAGO PROL, Compostela, 31/XII/2014.

Emilio Araúxo tirando fotos no Entroido de Maceda, 8/III/2017. Foto: Santiago Prol
Os comentarios están pechados.