PRESENTACIÓN DO LIBRO “NOBRES VENCELLADOS AO CASTELO DE MACEDA”

PRESENTACIÓN DO LIBRO “NOBRES VENCELLADOS AO CASTELO DE MACEDA”

Castelo de Maceda: Antonio Blanco [delegado de Cultura da Xunta], Santiago Prol [autor do libro], Xabier Oviedo [alcalde de Maceda], Bieito Seara [director xeral de Acción Social da Xunta de Galicia] e Xavier Paz [editor]

O sábado, 4 de abril de 2009, día de feira en Maceda, fixemos a presentación do libro da nosa autoría “Nobres vencellados ao Castelo de Maceda” [Prol: 2009, Ed. Difusora, Ourense]. Foi no salón de actos do Castelo de Maceda, na parte baixa da torre da homenaxe. Estaba atestado de xente, mesmo tiveran a ben asistir algúns cargos políticos de primeiro nivel naquela altura no Noso País que xa estaban “en funcións”, pois a xeira do Bipartito remataba coa perda da Xunta de Galicia por mor das Eleccións ao Parlamento Galego do 1 de marzo daquel 2009. Achegamos outra volta o texto da contraportada do libro [síntese da nosa intervención], que tivo a ben sufragar a Consellería de Cultura e Deporte e o tamén o Concello de Maceda. O delegado de Cultura, Antonio Blanco [que relevara a Sierra] eloxiou as aportacións históricas desta achega. O noso alcalde, Xabier Oviedo, gabou ao autor e a súa implicación a prol da memoria de Maceda dende había moitos anos. O editor Xavier Paz, moi na liña do seu oficio, indicou que era unha edición moi digna que mesmo fornecía a Colección Eidos, sendo este volume o número 8 da mesma. Bieito Seara, director xeral de Acción Social da Xunta de Galicia en funcións, dixera que como deixaba de ser un cargo institucional salientábel, que non iamos invitalo pra presentar outro libro da nosa autoría. Pois vai ser que, na próxima presentación dun libro noso, si vai estar en primeira liña… ¡Beizón a todos!:

Xornal La Región, 5/V/2009

“Esta rigorosa achega abrangue aos nobres vencellados ao Castelo de Maceda máis egrexios que levaron o seu nome polo mundo adiante dende a Baixa Idade Media: María Fernández, a filla do conde de Traba. Afonso X o Sabio e o seu preceptor Garci Fernández. Pedro Iáñez de Nóvoa que fixo carreira política e militar dentro da Igrexa. João da Nova, un galego universal, o máis relevante do século XVI. Xoán Iáñez de Nóvoa e o Panteón de Nóvoas Egrexios. Outrosí o condado de Maceda (1654) que lle foi concedido a Alonso de Lanzós e Nóvoa. O III conde Joseph Benito de Lanzós e Nóvoa acadou a Grandeza de España de 1ª clase (1710). O seu primoxénito Antonio Pedro Nolasco chegou a gobernador de Madrid e vicerrei de Navarra. Unha condesa de Maceda está soterrada no que hogano conforma o Panteón de Galegos Ilustres. Baltasar Pardo de Figueroa, VIII conde de Maceda, finou na batalla de Medina de Rioseco (1808). Xoán Xosé Caamaño Pardo, conde consorte de Maceda, foi un dos ilustrados de comezos do XIX en Galiza… A relevante nómina deste volume soborda o ámbito local. Unha aproximación necesaria que enche unha eiva da nosa memoria colectiva”.

Os comentarios están pechados.