A NOSA CRONOBIOGRAFÍA DO NAVEGANTE JOÃO DA NOVA

A NOSA CRONOBIOGRAFÍA DO NAVEGANTE JOÃO DA NOVA

Castelo de Maceda [Ourense]. Terra de orixe do navegante João da Nova, o galego máis relevante do século XVI.

1450.- [perto de]. Nace João da Nova [Xoán de Nóvoa] na terra de Maceda [Ourense, Reino de Galiza].

1953.- Fin do imperio bizantino. Constantinopla pasa a chamarse Istambul.

1467.- Revolución Irmandiña. Foxen cara Portugal o arcebispo Fonseca II e tamén relevantes nobres galegos [varios deles vencellados coa casa nobiliaria dos Nóvoas de Maceda]. Diego de Lemos asalta e derruba parte da Torre de Maceda.

1469.- Regresan [con mercenarios] os nobres dirixidos por Pedro Madruga. Remata a Guerra Irmandiña coa derrota dos revolucionarios.

1476.- Isabel de Castela vence a Afonso V de Portugal que apoia causa da Beltranexa no conflito sucesorio.

1479.- Tratado de Alcaçovas entre Castela e Portugal para dividir o mundo.

1480.- Represiva presenza en Galiza da Santa Hermandad, Real Audiencia e gobernadores enviados polos Reis Católicos [“doma e castración do Reino de Galiza” en verbas de Zurita]. João da Nova marcha cara Lisboa desencantado coa nova realidade política en Galiza e Castela.

1481.- Morre Afonso V de Portugal. Sobe ao trono luso João II.

1488.- Bartolomeu Días dobra o Cabo das Tormentas [Boa Esperanza] cara o Índico. João da Nova participa activamente nas expedicións militares e de exploración polo Atlántico cos portugueses.

1492.- Conquista de Granada. Expulsión dos xudeus. Relevantes cadros hebreos refúxianse en Portugal. Cristovo Colón descubre accidentalmente varias illas no Caribe.

1494.- Tratado de Tordesillas. Divídese o mundo descuberto e por descubrir entre Portugal e Castela.

1495.- Morre João II. Sobe ao trono luso o seu curmán Manuel I.

1496.- João da Nova exerce como alcaide da cidade portuaria de Lisboa.

1498.-Vasco da Gama descubre o camiño marítimo cara a India circunnavegando o continente africano. Chega a Calecute, o grande emporio do Malabar indio.

1500.- II Expedición cara a India con Álvares Cabral que mesmo descubre o que logo sería Brasil.

1501.- João da Nova comanda a III Expedición con catro carabelas innovadoras e revolucionarias. Descubre a Ilha da Trindade [fronte as costas do Brasil]. En Mossel Bay funda a primeira igrexa cristiá do que hoxe conforma Sudáfrica. Acha Juan de Nova Island [na canle de Mozambique]. Asenta unha feitoría [lugar para o comercio] en Cananor [India]. Atopa a cobizada Ilha da Taprobana [hogano Sri Lanka, antano Ceilán]. Derrota ao samorím [señor do mar] de Calecute na Batalla de Cananor.

1502.- Volta a Lisboa coas catro carabelas cargadas de pementa, canela e outras mercadorías demandadas de Oriente]. Atopa [na torna-viagem] Agalega Islands [perto de Madagascar]. Descubre a estratéxica illa Santa Helena no Atlántico Austral. Tamén a illa Ascensión [algúns cronistas datan este achado en 1501].

Nao Frol de la Mar, buque insignia da Mariña de Portugal comandado polo nauta galego João da Nova.

1505.- Parte cara a India comandando o buque insignia da mariña portuguesa, a nao Frol de la Mar. Fai intensas xestións diplomáticas pola costa oriental africana. Constrúen unha fortaleza en Quíloa. Conquistan Mombasa. Francisco de Almeida ocupa o cargo de vicerrei en Cochim [India]. João da Nova exerce a diplomacia en varias misións no Malabar indio.

1506.- Sae das costas do Kerala [Malabar] coa nao Frol de la Mar. Inverna na illa de Pemba [perto de Zanzibar] por mor do monzón desfavorábel. Atópase en Mozambique coa expedición comandada polo seu amigo e financeiro Tristão da Cunha.

1507.- João da Nova, Tristão da Cunha e Afonso de Albuquerque conquistan a illa Socotorá, na entrada do Mar Roxo. João da Nova acompaña a contragusto a Afonso de Albuquerque polas costas de Omán até o grande emporio de Ormuz [nunha incursión de terra queimada da que discrepa abertamente].

1508.- O nauta galego regresa á India coa Frol de la Mar. O fillo do vicerrei [D. Lourenço] morre na Batalla de Chaul fronte a Mir Hocem, o capitán maior do sultán de Exipto.

1509.- João da Nova e Francisco de Almeida derrotan a unha coalición de turcos, exipcios e indios [en conivencia cos venecianos], na histórica Batalla Naval de Diu, transcendental para o dominio dos lusos en Oriente durante boa parte do século XVI. O mariño galego estivo en primeira liña alí co buque insignia Frol de la Mar. Morre João da Nova a finais dese ano en Cochim, sede do vicerreinado.

1510.- O comercio mundial concéntrase no eixo Lisboa-Sevilla en detrimento do Mediterráneo [até daquela o centro económico do mundo era O Cairo].

2002.- Cincocentos anos despois das descubertas de Trindade, Juan de Nova Island, Sri Lanka, Agalega Islands, Santa Helena e Ascensión, o espírito deste egrexio mariño galego emerxe na súa terra de orixe coa publicación da súa biografía [“João da Nova, un mariño galego ao servizo da Coroa de Portugal”, Prol: 2002] Inaugurase na torre da homenaxe do Castelo de Maceda a exposición permanente “João da Nova, o descubridor do século XVI” artellada polo autor [Prol: 2002b] e sufragada polo Concello  de Maceda.

2009 .-  Cúmprense 500 anos do pasamento de João da Nova. Galiza segue estando en débeda con este galego universal, o máis salientábel do século XVI.

2022.- Cúmprense 20 anos da publicación da súa biografía [“João da Nova, un mariño galego ao servizo da Coroa de Portugal”. Santiago Prol, Deputación de Ourense, 2002”], que mesmo demandaría unha xenerosa reedición. Outrosí un documental sobre a súa relevante traxectoria.

Os comentarios están pechados.