A PRIMEIRA CASETE ARREDOR DE SIMON & GARFUNKEL

A PRIMEIRA CASETE ARREDOR DE SIMON & GARFUNKEL

Nunha das fiestras do faiado da nosa casa no Reconco a comezos dos anos 70. Arquivo do autor.

Somos da xeración da televisión en branco e negro, a dos Chiripitifláuticos, Bonanza e o Virxiniano. A da bicicleta sen marchas nin casco, pero co “bombín” e co estoxo de coiro cos parches e ferramentas detrás do asento. Outrosí a xeración das casetes e os bolígrafos BIC, que mesmo empregabamos pra reparar as cintas. A primeira que tivemos foi unha de “Grandes éxitos de Simon & Garfunkel”, datada en 1972, interpretados por The Top of the Pops [versións de autores descoñecidos que procuraban imitar fielmente aos orixinais]. Regaláranola o noso primo Javier o mecánico [Talleres Fernando Prol]. Estaba dentro dun GS [o Citroën revolucionario da suspensión que subía e baixaba], ao que lle deran un enorme “leñazo” e que mesmo quedara inservíbel. A casete tiña a carcasa completamente rachada, pero a cinta estaba case intacta. Nunha “operación metódica” lograramos pasar os dous rolos da cinta á carcasa doutra casete e “revivimos” o contido. Aquela era a nosa primeira casete que viña gravada [non de Radio-3 onde “pirateabamos” as cancións, cando xa tiñamos o radio-casette que nos trouxeran camuflado dende Chaves, Portugal]. Escoitámola moreas de veces ao longo da nosa vida, mesmo nos tempos de hogano. Gorentounos tanto como as versións orixinais de Simon & Garfunkel, que logo fomos mercando en vinilo e tamén en CD [pero iso xa uns cantos anos despois, cando procuramos o Pionner PL-Z95, con ecualizador, prato, dobre platina, radio, dobre lector de CDs…]. A casete “resucitada” incluía temazos: The sound of silence, The 59th Street Bridge song, I am a rock, Mrs. Robinson, Bridge over troubled water, Scarborough fair, Homeward bound, El condor pasa, America, The boxer, Bookends, Cecilia. Case á par puidemos ollar a película do “Graduado”. Moitas das cantigas da banda sonora estaban na nosa casete. Nese filme transgresor repararemos outro día… Hoxe preferenciamos I am a rock como contrapunto, que mesmo vai subtitulada en “idioma cervantino”. Semella que Paul Simon xogaba ao autoengano sen respostas… Listen!

Comentarios pechados.