CANTIGA NÚMERO 100

CANTIGA NÚMERO 100

Castelo de Maceda coa Serra de San Mamede como pano de fondo. Imaxe cedida por X. Oviedo. Beizón!

O 23 de novembro de 1221, nacía [hai 800 anos] Afonso X o Sabio en Toledo. Cando abeiraba os 11 anos de idade fixo inmersión lingüística en galego en terras de Maceda [Prol: 2009]. Da nosa achega exhumamos hoxe [pp. 65-66]: “A canónica Cantiga núm. 100 é a máis vulgarizada das que saíron dos obradoiros de Afonso X. Foi transmitida en varias fontes manuscritas: Códice Escurialense [j.b.2], [T.j.1] e Códice da Igrexa de Toledo. Na compilación mariana artellada nos scriptoria toledanos, inseríanse cantigas narrativas, de loor e litúrxicas. O número de orde estableceuse na canónica edición de Walter Mettmann [1986]. A Cantiga 100 é unha das 42 nas que o rei honra á Virxe [de loor]. A súa música amósase como un referente daquel intre do Baixo medievo […]. Manifestamente Afonso X non compuxo todas as cantigas. Coordinou a escola das “Cantigas de Santa María”, a da “Crónica Xeral” e das demais obras que aparecen baixo a súa sinatura. En Toledo había moita xente traballando para o culto soberano. A nómina dos galegos foi relevante. A súa estadía en Maceda foi un plus a prol do galego [a lingua culta naquel intre en todos os reinos da Iberia]. Personalizar en Afonso X toda a obra mariana semella desmedido. Porén, non poucos dos que se achegaron ao Rei Sabio caeron nesa esaxeración. Algúns investigadores só lle atribúen a autoría de oito composicións [Julio Valdeón: 2003, “Alfonso X el Sabio. La forja de la España Moderna”]. Eis a Cantiga número 100 subtitulada nun día tan sinalado. Beizón!

Os comentarios están pechados.