O DOUTOR CELSO SÁNCHEZ, AFONSO X O SABIO, TOLEDO E MACEDA

O DOUTOR CELSO SÁNCHEZ, AFONSO X O SABIO, TOLEDO E MACEDA

O doutor Celso Sánchez diante da placa de 1921 [restaurada neste 2021] nos Alcázares Reais de Toledo, que lembra o nacemento de Afonso X o Sabio, o 23 de novembro de 1221. N.B.- Todas as fotos desta achega foron cedidas por Celso Sánchez. ¡Beizón!

Cun aceno eloxiábel e abondo transversal, o rexedor de Maceda [Rubén Quintas] delegou no doutor Celso Sánchez a representación do Concello de Maceda na constitución [en Toledo] da COMISIÓN DE POBOS E CIDADES PROMOTORAS DO VIII CENTENARIO DO NACEMENTO DE AFONSO X O SABIO [CIUDADES ALFONSÍES]. Esta arañeira estivo promovida pola Federación Española de Municipios e Provincias [FEMP]. A teima aséntase en facilitar un maior coñecemento dos lugares vencellados con Afonso X. Outrosí en apoiar e vulgarizar actividades conxuntas a prol desa causa. Das 41 cidades e pobos que a constitúen, asistiron en Toledo moitos representantes, entre os que estaba o doutor Celso Sánchez. Eis a lista completa: Maceda, Toledo, Murcia, Ciudad Real, Estepa, Andújar, Villaviciosa, Écija, Villadelmiro, Trujillo, Puebla de Sanabria, Ortigueira, Villalcázar de Sirga, Alcocer, Martos, Cartagena, Valladolid, Alicante, Castrojeriz, Elche, Burgos, Guardamar del Segura, Lebrija e Orihuela. Tamén participaron por vídeoconferencia outros alcaldes e concelleiros de Sevilla, Tarifa, Lorca, Rodenas, Carreño, Cifuentes, Segovia e Córdoba. O día 23 de novembro de 2021, cando se cumprían 800 anos do nacemento do Rei Sabio, o epicentro cultural, a nivel de todo o Estado, focalizábase na cidade de Toledo. O Concello de Maceda tamén estaba alí, en primeira liña, da man do doutor Celso Sánchez, unha persoa cosmopolita, sempre comprometida co Noso País e coa Nosa Cultura, mesmo cunha cosmovisión de conxunto abondo significativa. Outrosí membro destacado do proxecto A Ínsua dos Poetas [abandeirada polo seu amigo Luís González Tosar]. Remesounos o amigo Celso un bo feixe de imaxes do evento. Escolmamos as máis significativas. Dende agora, á conexión de Afonso X o Sabio con Maceda, teremos que engadirlle este vencello.

Espazo reservado ao Concello de Maceda na constitución da Comisión dos pobos e cidades promotoras do VIII centenario do nacemento de Afonso X en Toledo.
A alcaldesa de Toledo, Milagros Tolón, saudando ao doutor Celso Sánchez como representante do Concello de Maceda na Sala Capitular da Casa do Concello, denantes de comezar o evento.
Intre da homenaxe das cidades e pobos alfonsís en Toledo. 23 de novembro de 2021.
Foto de familia, diante da Casa do Concello de Toledo, dos representantes das cidades e pobos vencellados con Afonso X. O doutor Celso Sánchez é o sexto comezando pola esquerda. 23 de novembro de 2021.
A alcaldesa de Toledo e vicepresidenta da FEMP, Milagros Tolón, departindo cordialmente co doutor Celso Sánchez.
O doutor Celso Sánchez recollendo, en nome do Concello de Maceda, a medalla conmemorativa do VIII Centenario do nacemento de Afonso X o Sabio en Toledo e unha copia da edición facsímil de 100 exemplares numerados.

N.B.- A transcendental noticia saíu en moreas de publicacións de ámbito estatal. Se imos pinchando en cada unha delas, poderemos ollar as crónicas. Mesmo visualizar ao doutor Sánchez nalgunhas fotos. Queremos agardecerlle outro volta que nos representase a todos os macedáns e que tivese a ben pasarnos os documentos gráficos. ¡Graciñas mil!

Eis unha escolma deste dossier virtual:

no xornal ABC,

en PeriodicoCLM,

en La Tribuna de Toledo,

en La Cerca,

na fotogalería de En Castilla la Mancha

en Galiciapress

Comentarios pechados.