BELLO PIÑEIRO PINTOR SOBRANCEIRO

BELLO PIÑEIRO PINTOR SOBRANCEIRO

Placa pendurada na casa de Bello Piñeiro no Seixo coa data do seu pasamento. Foto: Santiago Prol

Sempre que imos até o Seixo -camiñando dende Maniños- reparamos uns intres na casa de Bello Piñeiro e na cumprida placa que está pendurada na fachada: “A Sociedade Cultural Amigos da Paisaxe Galega dedica este perenne recordo á memoria do ilustre pintor e publicista Felipe Bello Piñeiro, Precursor do Renacemento da Pintura Galega. O Seixo, 9/XII/52″. Con mágoa, cada vez que pasamos por alí, comprobamos que esa casa amosa un deterioro considerábel que vai a máis. Hai, dende 2019, un proxecto do concello pra convertila nun centro sociocultural que aínda non tomou asento… A nai do egrexio pintor, dona Lola Piñeiro, legoulle -logo do seu pasamento- aos representantes da Igrexa local este inmoble xunto con outras propiedades. Na parte esquerda, onde actualmente hai unha capeliña que soe estar aberta polo día, antano foi o lugar onde se atopaba o taller-estudio do pintor. Agora ben, moitas veces pincelaba “in situ” paisaxes concretas, levando un bo feixe de bártulos, mesmo acompañado polo seu can Parrandolo [Mosquera Rodríguez: 1989].

Estado actual da casa de Bello Piñeiro no Seixo. Foto: Santiago Prol

Do volume “O Seixo no pasado” de Henrique Sanfiz e outros, editado polo Seminario de Estudos de Ferrolterra [1998], rescatamos: “Falar de Bello Piñeiro é falar da cultura, a arte, a política, e incluso o deporte no Seixo durante a primeira metade do século XX (…). Dende 1926 encabeza todos os movementos sociais, culturais e incluso políticos que xorden eiquí”. O historiador Mosquera Rodríguez [1989] salienta, na introducción da súa monografía [xa citada en achegas anteriores], que “a inexistencia dunha exhaustiva Historia da Pintura Galega podería ser a principal causa pola cal descoñecemos a vida e a obra da maioría dos pintores galegos, nomeadamente daqueles que naceron nas últimas décadas do século XIX, aos que se lles debe o franco recoñecemento do que son acreedores. Unha desas singulares personalidades foi Felipe Bello Piñeiro, verdadeiro precursor do Movemento Renovador da Arte Galega que, con humildade e sinxeleza, compaxinou a pintura coa recopilación e investigación de infinidade de pormenores referidos a Galicia (…). En Madrid, Bello Piñeiro atopou, a comezos do século XX, a oportunidade de coñecer de maneira ampla a pintura do seu tempo”.

Felipe Bello Piñeiro cara a segunda década do século XX

Entre o 19 de decembro de 2003 e o 28 de xaneiro de 2004, puidemos ollar unha parte capital da obra pictórica de Bello Piñeiro [máis de 200 acuarelas, óleos e debuxos, a maioría procedentes de coleccións privadas e tamén interesantes manuscritos]. Foi no Centro Cultural Torrente Ballester de Ferrol, organizado pola Fundación Caixagalicia e o Concello de Ferrol. Do libro catálogo “F. Bello Piñeiro, sen dúbida” [2004], co gallo desa extraordinaria exposición antolóxica, exhumamos unhas verbas de Andrés Mosquera Rodríguez, comisario da mostra, solvente biógrafo e salientábel vindicador do pintor do Seixo: “A súa paleta foi sempre fiel ao panteísmo, herdanza adquirida e recibida nos seus anos novos, influenciado pola Pardo Bazán, mecenas e protectora dun bo número de intelectuais e artistas galegos (…). Bello Piñeiro introduciuse na paisaxe galega, atopando certa semellanza entre esta e a británica (…). Conforma o paisaxista máis emblemático e descoñecido da pintura española da primeira metade do século XX (…). Esta opulenta mostra debe contribuír pra rescatar e amosar a obra pictórica e intelectual dun home singular, de inquedo espírito e polifacética personalidade, marcado pola dúbida, perseguido pola humildade, incomprendido polos seus semellantes e vilipendiado en máis dunha ocasión”.

Sinatura de Bello Piñeiro en 1952, ano do seu pasamento. Arquivo do autor.

En “Una pasión imposible. Cartas de amor de Felipe Bello Piñeiro” [Fraga Sampedro, 2004], nunha das misivas exhumadas, con data do 16 de setembro de 1951, o pintor do Seixo comunícalle a Elvira Ibáñez, que se desprazara até a contorna da Coruña pra visitar unha fábrica de cerámica que acababan de instalar no Castro de Samoedo [Sada]. Logo engade Bello Piñeiro: “Montouna un dos pintores novos máis ilustres cos que conta hoxe Galicia e España. Ten 31 anos, un pazo, unha fábrica e un magnífico estudio cheo de pinturas que, sen esaxeración, podo cualificar de gloriosas. Este Isaac Díaz Pardo, fillo daquel Camilo Díaz Baliño que decorara a igrexa da Misericordia en Viveiro e que morrera fusilado cando o Movemento, este rapaz digo, levou a cabo o soño meu de proseguir coa Cerámica Galega e realizouno en marabillosas pezas de finísima porcelana que se coñecen e venden en varias cidades de España. Esta fabriquiña, como el a chama, é unha marabilla de organización moderna”. Eis o vínculo -apenas coñecido- de Felipe Bello Piñeiro e Isaac Díaz Pardo, con toda a carga de profundidade que conleva. O propio Díaz Pardo, que contactara co pintor do Seixo pra amosarlle este vangardista proxecto [e ao mellor pra algo máis…], aseverou que “Cerámicas do Castro servía pra estudar e pra ensaiar os caolíns de Sargadelos que empregara Antonio Raimundo Ibañez a comezos do século XIX pra fabricar louza ao estilo inglés, iniciando así a produción seriada de obxectos de cerámica” consonte Xosé Ramón Fandiño en “Isaac Díaz Pardo. Memoria do compromiso” [Concello de Santiago, 2020].

Ría de Pontedeume dende Chamoso. Acuarela de Felipe Bello Piñeiro [finais dos anos 30]. Colección Pintura Galega Contemporánea. Museo de Pontevedra. Edificio 6º. Arquivo do autor.

Rematamos deliberadamente cunhas lapidarias verbas da súa autoría, rescatadas polo historiador Bernardo Máiz [que reside no Seixo e que recentemente publicou a solvente achega “O Seixo. Na outra banda de Ferrol. 1730-1930. Ed. Embora, 2015]. Tiramos dunha reportaxe de Máiz en Nós Diario, o 30 de xullo de 2021, titulada “Felipe Bello Piñeiro. O galeguista pintor, o pintor galeguista”. Ditas verbas están datadas en 1951, un ano antes do seu pasamento. Lembra Máiz que alí, no seu lugar de orixe moitos o coñecían e aínda o lembran como don Felipe… Eis as relevantes verbas de compromiso en clave Nosa de Bello Piñeiro, xa no solpor da súa vida: “Amando ao meu País escoito a voz do sangue e pinto polo seu mandato. Eu nunca estiven equivocado no meu amor á Terra”.

Os comentarios están pechados.