BELLO PIÑEIRO ATORMENTADO

BELLO PIÑEIRO ATORMENTADO

Detalle do teito da Sala de Conversas do Casino Ferrolano, decorado por Felipe Bello Piñeiro e rematado en xullo de 1936. Arquivo do autor.

Nunha entrevista do xornalista Luís Caparrós en La Voz de Galicia [6/IV/1951], cando Felipe Bello Piñeiro contaba con 65 anos de idade, preguntoulle se estaba solteiro, casado ou viúvo. O sobranceiro pintor do Seixo contestoulle que estaba “solteiro por dificultades de elección, pois as mulleres son demasiado guapas pra decidirse por ningunha”. Medio século despois logramos saber que as razóns do seu estado civil eran outras e que direccionaban cara a súa nai, dona Lola Piñeiro Toimil, e cara o gran amor da súa vida, Elvira Ibáñez Gómez. A presenza dunha nai con moito carácter e a tempo case completo na súa vida, fixo que el fose conformando unha personalidade débil e submisa, algo que repercutiu enormemente na súa vida afectiva. Mesmo na súa existencia a nivel global. Aínda que xa se sabía en parte, non foi até 52 anos despois do seu pasamento cando se revelou detalladamente a infrutuosa relación afectiva de Bello Piñeiro con Elvira Ibañez, descendente do Marqués de Sargadelos, don Antonio Raimundo Ibáñez [unha familia nobiliaria que naquela altura viñera a menos].

Portada do libro que Edicións Embora inclúe na colección Biblioteca de Ferrolterra. 2004. Arquivo do autor.

No salientábel volume, editado pola historadora Mª Dolores Fraga Sampedro co clarificador título “Una pasión imposible. Cartas de amor de Felipe Bello Piñeiro” [Ed. Embora: 2004], podemos mergullarnos na tormentosa relación, nas constantes inxerencias da nai á que mesmo lle pedira permiso pra relacionarse con Elvira… Seguimos á historiadora ferrolá Fraga Sampedro: “As intencións de Felipe de contraer matrimonio coa segunda filla de don Alejandro Ibáñez víanse constantemente frustradas pola negativa de dona Lola Piñeiro, nai do artista, que exercía un gran poder sobre o seu fillo. Desexaba pra Felipe unha muller de fortuna e clase elevada […]. Tan só ao final da súa vida, cando o artista se atopaba enfermo [alcoholizado] e ela afectada por ataques epilépticos, consentiu… pero era demasiado tarde”. Suxerimos a quen estea interesado, lea este singular e transcendental volume que pon o foco no título desta achega e radiografa a personalidade atormentada dun pintor excepcional, que puido chegar moito máis lonxe, e que non o conseguiu, ao non lograr zafarse do “lastre” materno. Bello Piñeiro tiña un “Diario” que rescatou en parte o seu biógrafo e historiador Andrés Mosquera Rodríguez en “Felipe Bello Piñeiro (1986 -1952)” [Ed. do Castro: 1989]. Nese “Diario” escribe por última vez, o 23 de setembro de 1952, un parágrafo demoledor: “Amañezo bebido. O día está gris. Eu atópome no meu elemento. Non sei en que consistirá a felicidade pra os demais. Pra min consiste en esquecer a vida puramente vexetativa que fago. Non hai esperanzas, nin remedio. Cada día máis vello. Feridas por todos os lados…”. Remarca Mosquera Rodríguez que, “47 días despois, é dicir, o 9 de decembro de 1952, logo dunha curta agonía, faleceu Felipe Bello Piñeiro”. Nunha das súas últimas cartas a Elvira Ibáñez, datada o 23 de xullo de 1952, escribe arredor dunha recorrente teima de amor-odio sobre o seu lugar de orixe: “Debo rematar co romanticismo do Seixo e acabar a miña vida nun posto de loita e non sentado nun curruncho […]. En fin, perder de vista este calabozo do Seixo, fermoso e malvado como a gaiola dun grilo”.

Imos fechar -intencionadamente- esta achega en positivo, cun vídeo abondo interesante [asinado por Inesvigo] que aporta unha visión de conxunto da súa salientábel obra pictórica como paisaxista. ¡Beizón!

Vídeo arredor dalgunhas das obras paisaxísticas de Bello Piñeiro editado por Inesvigo, 11 de abril de 2016
Os comentarios están pechados.