BELLO PIÑEIRO ESCRITOR

BELLO PIÑEIRO ESCRITOR

Portada do libro “Cerámica de Sargadelos” do pintor Felipe Bello Piñeiro. Edicións do Castro, 4ª edición [1997]. Arquivo do autor.

Aínda que este singular volume saíu impreso por primeira vez en 1922, no Boletín da Sociedade Española de Amigos da Arte en Madrid, nós adquirimos a 4ª edición do que, anos despois, tirou do prelo Edicións do Castro [1965, 1972, 1979 e 1997]. Naquela altura o ilustre pintor Bello Piñeiro estaba nunha das fases da súa vida máis intensa como activista en moitas frontes. Regresou de Madrid ao Seixo coa teima de “crearse unha posición eiquí” [Fraga Sampedro: 2004]. Entre 1919 e 1921 instalouse en Viveiro [con frecuentes desprazamentos a Sargadelos] pra mergullarse “no estudo e clasificación sistemática da Cerámica de Sargadelos e da súa produción”. Desa investigación [por encargo] sairía unha interesante monografía sobre as Reais Fábricas de Louza de Sargadelos. Naquela altura tamén aproveitaría pra pintar, seguir formándose, investigar, escribir, publicar en revistas e xornais [ás veces con pseudónimos], impartir conferencias, organizar exposicións, facer excursións pola Mariña Lucense, mesmo enamorarse… Si, enamorarse perdidamente da segunda filla dos descendentes de Sargadelos [Elvira Ibañez Gómez]. Unha fasquía transcendental da súa vida íntima que merece outra achega cando menos, pois non chegou a bo porto pola “mala influencia” da súa nai, que o dominaba [adherida a el como unha lapa], que non o deixaba voar ao seu antollo, e que rematou nun enfermo crónico, trocándose nun xenial paisaxista alcoholizado de por vida… Bello Piñeiro, que fundara o Partido Galeguista de Franza [era amigo de Castelao ao que coñecera en Madrid], que promovera a Irmandade da Paisaxe Galega a comezos dos anos 30, que destacaba como egrexio pintor galego da súa época, acabou a súa traxectoria vital na súa casa do Seixo con 66 anos, o 9 de decembro de 1952… Como axeitadamente apuntan na contraportada do libro da súa autoría que manexamos, o egrexio pintor Felipe Bello Piñeiro morreu, como diría o poeta Ramón Cabanillas “do mal dos bos e xenerosos.¡ Morreu de amor á Terra!”

Os comentarios están pechados.