ARREDOR DO SANTUARIO DOS MILAGRES  DO MONTE MEDO (1)

ARREDOR DO SANTUARIO DOS MILAGRES  DO MONTE MEDO (1)

Carballo centenario do Santuario dos Milagres coa Fonte da Santa como pano de fondo . Foto: Santiago Prol

Houbo un Monte Medo pagán até o século IX, cunha grandísima explotación mineira abeirada [na época do Imperio Romano]. Logo un Monte Medo relixioso que chega até os nosos días, cun centro de culto mariano [maiormente dende o século XVIII], un dos máis concorridos de Galicia. Alí, ademais da visita de rigor aos espazos relixiosos, podemos achegarnos até o Carballo da Santa; unha árbore centenaria que pode sobordar os cincocentos anos e que aparece salientada na web www.patrimoniogalego.net; un carballo cun perímetro na base de 12 metros, cunha altura duns 22 metros, cun estado sanitario “aceptábel”, no que vexetan silvas e un sanguiño na parte alta do tronco. Nos Milagres houbo un proxecto inicial dun calvario con 14 capelas  co Vía Crucis, inspirado no do Bom Jesús de Braga [Portugal]. Só se erixiron 7 sinxelas capelas de doado percorrido. A carballeira actual fora iniciativa do alcalde de Maceda don Melitón Rodríguez, avó do outro presbítero ilustrado de Maceda, Manuel Vidal Rodríguez. Os carballos que a conforman teñen uns 160 anos a maioría deles [Prol: 2017].

Aínda que no vello santuario houbo unha preceptoría de latinidade e logo un colexio [primeiros  anos de seminario menor], no ano 1969 encetouse unha nova etapa cun colexio novo e vangardista [premiado arquitectonicamente a nivel de Estado e do que falaremos noutra achega].  O primeiro libro de Francisco Carballo [“El Santuario del Monte Medo, 1963] conforma unha alfaia que fora entregada en 1964 a Carmen Polo de Franco [a muller do xefe de Estado naquela altura], ao Cardeal Quiroga Palacios [orixinario de Maceda], aos ministros Alonso Vega e Fraga Iribarne, ao arcebispo de Braga, aos bispos das dioceses galegas, aos gobernadores civís, a todos os alcaldes da contorna… O primeiro libro do presbítero ilustrado de Maceda conformou todo un éxito de vendas. Os PP Paúis non quixeron reeditalo porque Francisco Carballo non facía énfase no “milagrismo”. Avanzamos un primeiro parágrafo de contextualización global:

“O Santuario de Nosa Señora dos Milagres atópase situado no Monte Medo, centro xeográfico das Terras de Maceda ou Limia Alta, na freguesía de San Xoán de Vide, concello de Baños de Molgas, Ourense (…). A Serra de San Mamede, unha das de maior cota de Galicia, de 1.617 m., garda as ruínas da ermida de San Mamede, de posíbeis pisadas visigóticas. Ao norte, a prolongación do Rodicio, con soberbios horizontes, até Cabeza de Meda. As faldras do San Mamede, do Rodicio, das do norte e do este, cóbrense con vexetación e, no fondos vales, prodúcese millo e agroman ricas hortas, como nas mellores terras de Ourense. Os prados alíñanse ao longo dos ríos e regatos; o bosque e o mato envolven o humus da gándara (…). A paisaxe agrícola e pastoril enriquécese con minas de estaño e as fábricas de cerámica de Niñodaguia. O caolín é rico en toda a gándara; os aluvións máis recentes e a terra de cultivo, posúen casiterita, cuxas mellores vetas se explotan no Rodicio. Percorre este Val do Medo o río Arnoia (87 km)”.

N.B.- Atopamos na arañeira un aqueloutrado documento videográfico da TVG, do innovador espazo “Un País en 360”. ¡Beizón!

Comentarios pechados.