A ESENCIAL WEB FELOSDEMACEDA.COM

A ESENCIAL WEB FELOSDEMACEDA.COM

Captura de imaxe do Benvidos [web felosdemaceda.com]

Estamos diante dunha auténtica FELOPEDIA. Brillante idea do activista José Juan Pérez Ramos con colaboracións da fotógrafa Rita Blanco Fernández, persoa abondo comprometida coa causa. O que inicialmente foi un blog arredor do universo dos Felos [19/III/2013], transformouse nunha páxina web fundamental sobre a máscara tradicional do Noso Entroido [pinchar eiquí]. Un traballo inxente de contidos dende a súa creación [30/XII/2014]. Fonte: “Libremente (felos sempre serra)” de Emilio Araúxo, 2015 (pp. 138 e 154-155).  O ano 2014 foi moi frutuoso na cronoloxía do Noso Entroido, pois ademais da creación desta web, tivemos a Primeira Baixada da Marela (1/III/2014) e a Declaración de Festa de Interese Turístico (23/X/2014), entre outros eventos…

Na “Hemeroteca por anos”, felosdemaceda.com retrotráese tres décadas comezando nos anos 90. Cun deseño áxil e -visualmente- moi aqueloutrado, podemos mergullarnos no enigma da orixe da máscara, no tecido asociativo, na morea de actividades, fotos, vídeos, publicacións, prensa…, con moitos contidos, maiormente nas dúas últimas décadas, nas que o fenómeno foi a máis [agás en 2021 pois aínda andabamos cos coletazos da escura pandemia COVID 19]. Reiteramos, unha web capital, de necesaria consulta a escala global pra quen teña interese no portento cultural, ancestral e cosmopolita dos Felos.

Parabéns ao José Juan Pérez Ramos por exercer de macedán a tempo completo con tanta enerxía, pois non só repara neste fenómeno dos Felos, senón que as súas teimas abranguen o universo Maceda dun xeito transversal, nomeadamente arredor de sinalados fillos sobranceiros, do Santuario dos Milagres, do Entroido Quente, do Pobo Fantasma de Chaioso, do Museo do Médico Rural, da asociación cultural Aira das Mantas, do mundo audiovisual e do fotoxornalismo con grande profesionalidade, mesmo coa singular -e capital- historia fotográfica en clave nosa [www.macedaenimaxes.com], á que lle meteremos o dente noutra achega.¡Beizón!

Mergullémonos desta volta na Nosa Felopedia.

José Juan Pérez Ramos. Fonte: https://es.linkedin.com/in/josejuanperezramos
Os comentarios están pechados.