A ILLA DE ONS FOI DO CONDE DE MACEDA

A ILLA DE ONS FOI DO CONDE DE MACEDA

Artigo do xornalista Xosé Martínez Couselo. Fonte: O Correo Galego, páx. 2 [18/XII/2000]

Por mor de certas excursións escolares achegámonos unhas cantas veces á Illa de Ons, unha teima que tiñamos dende había tempo… Un malogrado compañeiro na docencia, Manolo Maneiro, foi o que nos motivou pra que fixésemos no centro de ensino -en diferentes cursos e niveis-, boa parte do que conforma o Parque Natural Illas Atlánticas. Iamos a Cortegada [Carril, Vilagarcía], a Ons [Bueu], ás Cíes [Vigo]… Non houbo ocasión de facer o propio con Sálvora [Ribeira]… Outrosí coas “aspirantes” Illas Sisargas [Malpica de Bergantiños] e con Tambo [Poio]. O da Illa de Arousa é outra cousa da que falaremos, mesmo con opción de glamping, outro día…

Vista aérea da fermosa Illa de Ons. Fonte: concellodebueu.gal

Refollando o noso arquivo atopamos un artigo do periodista Xosé Martínez Couselo no xornal O Correo Galego [18/XII/2000], cun título moi atractivo pra quen tivo a ben vir ao mundo no corazón do Val do Medo: “A ILLA DE ONS FOI DO CONDE DE MACEDA”. Sen matizar as súas fontes, pois Bernardino de Lanzós e Nóvoa foi o II Conde de Maceda [mesmo tivo fillos alí na Nosa Torre Fortaleza], imos recuperar só o comezo do “Memorial” que o Conde de Maceda eleva ao rei demandando abeirar a Grandeza ao título de Conde no ano 1709, e que aparece no noso libro Nobres vencellados ao Castelo de Maceda [Prol: 2009.  Ed. Difusora, Ourense] que se atopa en aberto [un 70%] en google books.

Na páxina 227 imprentamos:

“Señor:

Don Joseph Benito Lanzós, Nóvoa e Andrade, Castro Henríquez, Córdoba e Ayala, Montenegro e Haro, Conde de Mazeda, Conde de Taboada, Vizconde de Laiosa, Señor das Casas e Solares de Sobrán, das Torres do Oeste e de Barral, coas súas xurisdicións, Señor de Trabanca Badiña e das Illas de Ons no Mar Océano…  [seguen logo unhas 30 propiedades máis de “high standing” entre torres, solares, illas, fortalezas, pazos, lugares, coutos e demais agregados…].

Vista da Casa Checho dende o peirao da Illa de Ons. Fonte: farodevigo.es

Naquela altura [de 1709] non existía na Illa de Ons a famosa Casa Checho, o restaurante de referencia pra degustar o “pulpo” da ría con patacas cocidas na mesma auga dos intelixentes cefalópodos… Atopamos na arañeira un aqueloutrado vídeo -con subtítulos en castelán- [hai moreas deles, ademais da “escura” película de Alfonso Zarauza, 2020]. Oxalá motive a quen nos siga nesta bitácora pra que se achegue a unha das illas que pertenceu aos Condes de Maceda, dos que poderiamos facer “un roteiriño” máis cedo que tarde… Das outras illas, que tamén estiveron vencelladas a esta casa nobiliaria, falaremos noutras achegas. ¡Feliz singradura! ¡Beizón!

Fonte: Turismo de Galicia. Xunta de Galicia
Comentarios pechados.