VICENTE RISCO E A NOSA CARAUTA
No imprescindíbel volume “Geografía General del Reino de Galicia. Provincia de Orense”, de Vicente Risco [o ideólogo maior da Xeración Nós naquela altura], atopamos nas páxinas 747-48, falando de Verín e da súa contorna, parágrafos capitais a respecto do tronco común do Noso Entroido [deles tirouse posteriormente en non poucas publicacións]. Investigado e redactado a mediados dos anos 20 do século XX [abeira os 100 anos], Risco fai unha sintética radiografía da máscara hexemónica, na que aparecen nomeados os felos. Vertemos o máis salientábel:
“O Carnaval verinense ofrece de particular a concorrencia dos cigarróns, chamados noutros lugares felos, murrieiros e peliqueiros. A orixe destas curiosas máscaras atópase, consonte unha tradición moi repetida no val de Laza, ao norte de Verín. Algúns mesmo consideran seu traxe como unha imitación do dos bufóns da Casa de Monterrei. Coidamos proceden de antigas farsas e mascaradas populares.
A súa indumentaria clásica consiste nunha máscara de madeira tallada e pintada, levando na mitra case sempre imaxes do sol ou da lúa. Unha chaquetiña bordada como as dos toureiros; faixa e cinto, do cal penden as chocas; calzón curto cuberto de anchas bandas de crochet con profusión de borlas (…). Da mitra cae polas costas unha pelica de can ou de ovella, que lles valeu o alcume de peliqueiros (…). Se as chocas poden lembrar aos antigos bufóns, a pelica recorda aos disfraces das danzas totémicas dos pobos primitivos, o que nos leva a unha orixe moi remota (…). Esta máscara está protexida por unha superstición: non se lle pode tocar. Insultalo, todo canto queiras, pero non poden poñerlle a man encima, o que amosa outro indicio da remotísima orixe relixiosa ou máxica destas máscaras”.