¿QUE FALTOU EN MACEDA?

¿QUE FALTOU EN MACEDA?

Francisco Carballo nun acto vindicativo a prol de Alexandre Bóveda no Cemiterio de San Mauro [Pontevedra], o 17 de agosto de 1978, Día da Galiza Mártir. Foto: Xan Carballa

Fixémoslle esa pregunta a Francisco Carballo no libro das Conversas [Prol / Carballa, ANT, 2002], no primeiro capítulo dedicado á súa terra de orixe. O egrexio historiador contestou: “Denantes do 36 as aldeas estaban en eclosión pola volta dos emigrados. Espacialmente a vila de Maceda era pequena e debía estar moi amoreada. No concello había máis do dobre de habitantes que hoxe. Maceda era comercial, artesá, dos profesionais medios e dos canteiros. Había unha simbiose co campo (…). A vila era o eixo económico e a parroquia o ámbito social. O proxecto para que Maceda se convertese nunha gran cabeceira de comarca para a agro-industria quedou en puro soño. No 36 a esquerda desapareceu. A decadencia veu no franquismo. A perda do valor adquisitivo da agricultura a prol da especulación foi a que levou a Maceda ao desastre.

Cruceiro de Maceda na ubicación primixenia no antigo Campo da Feira. Ca. 1900. Arquivo do autor.

Faltou cabeza, confianza e dinamismo. Maceda quedou dividida. Hoxe está empobrecida, aínda que é un val potencialmente riquísimo; un territorio con grandes posibilidades. Se nos anos 60 se tivese lanzado a unha agricultura e gandería de tipo extensivo, hoxe poderiamos ser outra cousa. ¿Por que se fundiu aquel proxecto de gran cabeceira para a agro-industria? Non había diálogo. Todo era imposición (…). Hoxe habería que partir da natureza, de estudos elementais da poboación e do medio para botar a andar un programa de recuperación (…). A repoboación forestal empezou en 1940, pero estivo mal feita. Todo o Monte Medo foi convertido nun piñeiral. Parte da Serra de San Mamede tamén, en detrimento dos pastos (…). Para Maceda como centro de comarca o 36 foi mortal porque desapareceron os líderes. Entre os depurados, os fusilados e os que fuxiron, perdeuse a xente máis dinámica. Quedou dominando o falanxismo e a dereita máis rancia. Iso tivo que influír moito”.

Os comentarios están pechados.