PREMIO BOS E XENEROSOS DA AELG, 2012

PREMIO BOS E XENEROSOS DA AELG, 2012

Foto: arquivo do autor, 3/III/2012 (*)

A Asociación de Escritores en Lingua Galega [AELG] tivera a ben concederlle o “Premio Bos e Xenerosos” ao historiador Francisco Carballo en 2012. A solemne entrega fixérase o sábado, 3 de marzo, no salón de actos do Museo do Pobo Galego. Asistira unha ampla representación do eido político e cultural do Noso País. Outrosí amigos de Maceda, encabezados polo alcalde Xabier Oviedo naquela altura, Celso Sánchez, Bieito Seara, Santiago Prol….

Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da AELG, dixera naquel acto que “Francisco Carballo tivera a vontade de liberarse dunha historia imposta e iso fora o que vertebrara o seu traballo nun tempo no que a Universidade non cubría as necesidades da historiografía nacional. Carballo entregouse de vez á constitución dunha elaboración en clave nosa da historia galega e á vindicación do cristianismo como espazo de loitas contra as inxustizas, e mesmo de subversión e crítica ao poder”.

A loa fixéraa Anselmo López Carreira, que o trataba dende finais dos anos 70, cando estaban a elaborar o polémico manual “Historia de Galicia” (ANPG, 1979). Salientara o egrexio medievalista a “súa honestidade persoal, a fidelidade aos proxectos e o seu compromiso social”. Á fronte dunha camada de historiadores novos, Francisco Carballo impulsara e asinara publicacións transcendentais para a historiografía de Galicia, a través da editora do semanario A Nosa Terra (ANT), da que fora presidente.

Ao recoller o premio, o teólogo e historiador macedán  afirmara con contundencia: “Galiza é obxecto dun experimento para destruír a súa identidade”, ao que engadira: “Somos un País ao que se lle quere impoñer unha cultura, destruíndo a que el xera e que mesmo arela continuar”. Tamén fixera unha reflexión sobre Igrexa: “A cúpula eclesiástica é máis un problema que unha solución, fronte ao cristianismo de base que é un elemento positivo, unha forza viva e rexeneradora”.

(*) N.B.- Na foto, de esquerda a dereita, Xabier Oviedo, Santiago Prol, Bieito Seara, Mercedes Queixas, Cesáreo Sánchez Iglesias, Francisco Carballo, Francisco Nóvoa, Vitorino Pérez Prieto e a súa compañeira, Antón Gómez e a súa compañeira, Celso Sánchez, Mercedes de Manuel e Chus Teijeiro, na comida posterior coa que agasallamos os amigos ao presbítero ilustrado de Maceda no restaurante Porta Faxeira de Santiago de Compostela. Beizón!

Os comentarios están pechados.