IMAXES COMO PIONEIRO A PROL DA LINGUA

No libro das Conversas (Prol / Carballa, ANT, 2002) aparecen -nas páxinas 172 e 173- varios documentos gráficos nos que podemos ollar ao historiador Francisco Carballo participando activamente nas campañas a prol da galeguización da toponimia en galego e tamén na Primeira Carreira Popular en Defensa do Idioma Galego, organizada pola Federación de Asociacións Culturais Galegas e abandeirada pola Asociación Cultural de Vigo, que presidía naquela altura (comezos dos anos 80) o presbítero ilustrado de Maceda. Remesounos Xan Carballa outras fotos da mesma xeira nas que vemos a Francisco Carballo co escritor Xosé Luís Méndez Ferrín [o Noso candidato ao Nobel de Literatura], como pioneiros do que hogano son os Correlingua, que se veñen celebrando ao abeiro do Día das Letras Galegas.

Na primeira fotografía que inserimos nesta achega aparece Méndez Ferrín detrás de Francisco Carballo, moi perto do que hoxe é a Fundación Penzol en Vigo. No segundo documento gráfico podemos ollar as catro fotografías imprentadas no libro das “Conversas”. Na terceira vemos a Francisco Carballo lendo o manifesto que manuscribira o escritor ourensán Millán Picouto. Na cuarta imaxe, xa co testemuño en mans de Méndez Ferrín, comezando a Carreira Popular en Defensa do Idioma Galego, dirixíndose cara a rúa Príncipe de Vigo. O noso agradecemento a Xan Carballa por pasarnos estes documentos gráficos que amosan a un Francisco Carballo sempre comprometido coas causas nobres e coa dignificación do Noso País. ¡Beizón!

N. B.- En 2020, a RAG dedicoulle, logo de longas demoras e non poucas discrepancias internas, as Letras Galegas don Ricardo Carvalho Calero. Nós seguiremos traballando para que -na altura de 2025- teñan a ben ir pensando -dende a rúa Tabernas da Coruña- no outro Carballo (Francisco), para que acade ese recoñecemento polos servizos prestados a Galiza como ensaísta prestixioso, creador dunha singular escola de historiadores en clave nosa, conferenciante excepcional, activista en múltiples frontes, columnista de referencia, presbítero inculturado e docente comprometido, que sempre impartiu as súas clases en galego dende o seu regreso de Salamanca en 1973.
