O CANÓNICO DÍPTICO DOS FELOS DE MACEDA

O CANÓNICO DÍPTICO DOS FELOS DE MACEDA

Contraportada e portada do díptico dos Felos de Maceda, 2000

Na altura do Entroido do ano 2000, o alcalde de Maceda, Manolo Rodríguez Carballo, suxeriunos sintetizar o universo do Felo para poder vulgarizalo nun díptico, cun texto que non debería chegar aos dous folios. A través do servizo de publicacións da Deputación Provincial de Ourense [que era onde el traballaba], logramos un díptico moi digno abondo espallado, mesmo nos mass media daquela e na arañeira de hogano. Na contraportada inserimos unha lograda caricatura de Elena Ferro, unha compañeira nosa na docencia en Valga. Na portada aparece un Felo “canónico” en Castro de Escuadro, coa vila de Maceda como pano de fondo. Eis o texto demandado:  

“A festa ritual do Entroido galego ten personalidade propia. O rural de Ourense peculiaridades moi definidas. Os Felos de Maceda ensámblanse [aínda que con elementos externos diferenciados] coa indumentaria convencional dos Peliqueiros de Laza e os Cigarróns de Verín. Calcetíns de lá brancos, medias negras, ringleiras de borlas de distintas cores, colcha con freques claros arredor do van, rabo de zorro no alto da mitra, colares varios e caxato como arma intimidatoria, conforman as súas particularidades iconográficas; máis primitivas e masculinizadas na parte inferior que as do tronco común. O canónico aconsella pintar na mitra animais ou aves da Serra de San Mamede e non fauna nin motivos alleos.

A orixe da máscara remóntana algunhas fontes ás festas pagás da Protohistoria: sociedades tribais, tótems, feitizos de fecundidade e caza, ritos de iniciación. Outras déixano nas hedonistas da Roma imperial. Os medievalistas na época dos bufóns e dos impostos feudais arredor dos castelos. Reminiscencias precristiáns; culto ao viño e ao pracer; connotacións sociais e relixiosas do medievo. Entre todas modelaron o fenómeno.

O termo felo ten difícil interpretación. É sinónimo de máscara. Semanticamente a verba xermánica [fillon] indica que pode azoutar. Felón e felonía vencéllase coa rebelión do vasalo contra o señor feudal. Maceda asenta bastión fortificado dende ben entrado o século XI.

Cartaz dos Felos radicado hogano na entrada da sala de exposicións da Torre da Homenaxe do Castelo de Maceda.

Denantes e durante a II República saían os Felos illadamente ao comezo do ano por algunhas aldeas do Val do Medo e outras abeiradas ás corgas da Serra de San Mamede. Instauraron o Domingo Fareleiro [enfouzaban con farelos aos viandantes], o Domingo Corredoiro [tinguían á xente cunha bola de ferruxe dos potes e tinta dunha barreira] e o Sábado, Domingo e Martes de Entroido. Dezasete días de transmutación de valores na contorna de Maceda onde a gastronomía tamén conta: O Domingo de Entroido, cachucha, rabo, unllas, chourizos, grelos, garavanzos, patacas e tintos espesos do país, preferentemente en xerras e cuncas de barro de Tioira ou Niñodaguia. O Martes de Entroido, cabrito ao forno con patacas asadas. De sobremesa bica ou filloas con mel acompasados de licor café ou augardente de herbas.

Antano pululaban os Felos a pé divertíndose dunhas aldeas a outras. O son provocativo das chocas disuadía aos lobos nas perigosas noites de invernía. Algúns invadían a vila de Maceda e non se afastaban da contorna. Bebían ovos con viño para soportar o inmenso desgaste físico. Non pedían diñeiro. Tampouco destapaban a carauta diante da xente. Perseguían aos que se metían con eles. As mulleres chacoteábanos. Faldriqueaban con elas co caxato, nun flirteo cómplice xeralmente ben admitido. Lucían traxe os solteiros [hogano vai quen lle peta, sen ter en conta idade, sexo ou condición]. Algúns pasaban varios días vestidos de Felos, mesmo durmían nas palleiras que tivesen á man. Só demandaban comida e bebida nas casas para continuar o trouleo. A máscara [de sorriso retranqueiro] representa a virilidade máis transgresora. O Felo dá medo. Pódeselle insultar. Endexamais tocar nin tentar sacarlle a carauta. É a autoridade nesas datas. Seu espírito anárquico e rebelde estase modificando. Hogano confórmanse, polo xeral, en grupos. Algúns descóbrense. Introducen outros costumes. Novos tempos que [nalgúns xestos] coliden coa tradición”. ¡Beizón!

Comentarios pechados.