JOSÉ PIÑEIRO, O INTRÉPIDO AVIADOR DO SEIXO

JOSÉ PIÑEIRO, O INTRÉPIDO AVIADOR DO SEIXO

Portada [con José Piñeiro no centro da imaxe] do volume “Pioneiros da aviación en Galicia” de Xosé Enrique Acuña e José Luís Cabo Villaverde, ANT, 2009.

Un pouco máis adiante da casa do pintor Bello Piñeiro, no número 168 da Avenida do Seixo en dirección ao peirao, atopamos a casa do aviador José Piñeiro, outro fillo egrexio do Seixo que nacera o 15 de decembro de 1878. Este aventureiro non tiña acougo. Estivo estudando o bacharelato no País Vasco [Donostia]. Viaxou a Cuba con 16 anos, en 1895, pra loitar a prol daquela colonia española [denantes do “desastre” de 1898]. Regresou ao ano seguinte da súa partida, en 1896. Estableceuse en Luarca [Asturias], pois seu pai traballaba alí na Axudantía da Mariña. Fíxose maquinista naval. Casou naquela localidade con Joaquina Migoya. Instalouse logo en Sanxenxo onde foi concelleiro e chegou á alcaldía [2 anos]. Montou unha fábrica de gasosas e un muiño que traballaba con carbón. Vendeu boa parte do seu capital en 1912 magnetizado polo incipiente mundo da aviación. Foi a Pau [Francia] pra ser piloto de avións. Fixo un curso intensivo con 34 anos de idade. Mercou [cos cartos das vendas das súas propiedades] un avión Bleriot XI de 50 cabalos de potencia, que trouxo pra Sanxenxo en pezas. Montouno el mesmo alí. Logrou que acondicionasen unha parte da praia de Baltar como hangar e pista pra facer prácticas de despegue, voo e aterraxe. Conseguiu facer voos invertidos e outras acrobacias aéreas. Dende 1913 até 1921 estivo en primeira liña como pioneiro da aviación recreativa. Fíxose famoso polo “voo da gaivota” aínda que lle ocasionou algúns atrancos máis dunha vez. Sofriu varios accidentes de aviación serios. Retirouse en 1921, oito anos despois do seu primeiro voo en Ferrol no 1913. Pasou os últimos anos da súa vida en Compostela. Morreu encamado eiquí, o 3 de febreiro de 1927, aos 49 anos de idade.

Placa pendurada na casa de José Piñeiro no Seixo en 1927. Foto: Santiago Prol

Aínda que nun estado manifestamente mellorábel, na casa natal de José Piñeiro no Seixo, hai pendurada unha placa na que se pode ler: “Nesta casa naceu o aviador don José Piñeiro González, primeiro español que remontou os aires nun aparello de motor. 1878 – 1927”. A iniciativa pra poñerlle esa placa conmemorativa [e o texto] fora do pintor e activista Felipe Bello Piñeiro [oito anos máis novo que o aviador] en plena ditadura de Primo de Rivera. Ademais deste xesto, no Ferrol hai unha rúa dedicada a este heroe da aviación galego, o primeiro da Nosa Historia.

Detalle dunha das dúas estatuas en memoria do aviador José Piñeiro [na entrada da Praia de Silgar] en Sanxenxo. Fonte: wikipedia.org

Outrosí podemos ollar un par de monumentos e unha praza en Sanxenxo, onde tamén hai unha cervexaría restaurante [O Aviador] que amosa vestixios del [fotos, maquetas e demais]. En Sanxenxo este pioneiro da aviación fíxose moi amigo de Elisa Patiño, Chichana, neta dos duques de Patiño, propietarios dun grandioso pazo situado nun lugar privilexiado da vila. Ela acompañouno en varios voos, conformando a primeira galega que se aventuraba polo aire. José Piñeiro chamáballe á intrépida moza, “A fada dos meus trunfos”, pois con ela de copiloto nunca tivo contrariedade algunha.

Estado actual da casa natal do aviador José Piñeiro no Seixo. Foto: Santiago Prol

A casa onde tivo a ben vir ao mundo este destemido aviador, atópase neste intre nun estado lamentábel, aínda máis deteriorada que a do pintor [da que xa falamos noutra achega]. Os dous fillos máis egrexios do Seixo, os dous Piñeiros sobranceiros, semella non están na lembranza á altura que deberían. Felipe Bello Piñeiro, mesmo propuxera unha segregación do Seixo pra funcionar fóra do esquema municipal de Mugardos… Até traballou nunha monografía que titulou “Vida do aviador José Piñeiro” e que non puido chegar a bo porto en vida…

Rúa Aviador Piñeiro na cidade de Ferrol.

Na arañeira hai moreas de traballos e vídeos sobre este senlleiro aviador. Reparamos nun do xornal La Voz de Galicia [pinchar], pois vai fornecido cunha reportaxe audiovisual moi aquelada. Agora ben, rematamos con outro vídeo que atopamos en youtube. Son 11 minutos que focalizan a súa etapa de oito intensos anos como pioneiro da aviación [desafiando ao destino], que mesmo triunfou alén mar. Estivo en Cuba voando [mesmo con Basilio Álvarez, o antigo líder agrarista e cura de Beiro, que saíu magoado da experiencia]. Tamén na Arxentina invitado polos centros galegos das comunidades alí emigradas… Este fillo sobranceiro do Seixo era coñecido como “O tolo Piñeiro”, pola ousadía das súas fazañas. Salientar que no seu avión, ademais da bandeira española, pintou a bandeira galega intencionadamente. Mesmo queremos remarcar que falaba en galego como idioma de uso cotián, naquel Sanxenxo de comezos do século XX, polo que deberiamos inserilo no “universo da galeguidade” máis Nosa. Eis o aqueloutrado documental pendurado por Jesús Rivera. ¡Graciñas mil!

Os comentarios están pechados.