JOÃO DA NOVA, UN MARIÑO GALEGO AO SERVIZO DA COROA DE PORTUGAL

JOÃO DA NOVA, UN MARIÑO GALEGO AO SERVIZO DA COROA DE PORTUGAL

Portada do volume editado pola Deputación Provincial de Ourense en 2002.

Un compromiso de por vida, ao que estaremos vencellados até o derradeiro día, é a vindicación de João da Nova [Xoán de Nóvoa para algúns] como un galego universal, o máis sobranceiro do século XVI e un dos grandes egrexios do que hogano poderiamos chamar Ourensanía. A nosa aventura comezara xa nos anos 70 do século XX cando leramos aquel breve texto sobre el en “Geografía General del Reino de Galicia” que xa amentamos nunha achega anterior. Logo, nos anos 90 mergullámonos de vez na súa vida e fazañas a fondo. Estivemos varias veces na Biblioteca Xeral de Coimbra, na Biblioteca Nacional de Lisboa, no Arquivo da Torre do Tombo, no departamento de ultramar en París e noutros moitos lugares nos que, naquela altura era necesaria a presenza física do investigador, xa que logo non dispuñamos destas ferramentas dixitais de hogano. Non había case nada escrito con rigor e profundidade sobre el. Tópicos romanceados eiquí, versións descafeinadas na Lusitania e pouco máis. O resultado foi un dos mellores traballos que fixemos na nosa vida no eido da investigación. Coa colaboración do alcalde de Maceda, Manuel Rodríguez Carballo, logramos que a Deputación Provincial de Ourense tivese a ben publicar o noso volume, que inicialmente sobordaba as 500 páxinas e que logo comprimimos en 338 por consello editorial [Prol, 2002]. Tempo teremos de peneirar toda aquela aventura interoceánica. Hoxe portada [da que xa falaremos] e contraportada da man do prestixioso historiador Francisco Carballo, ao que lle estamos agradecidos de por vida. Engadir que a foto da contraportada que tiramos nós, corresponde á placa da Rúa João da Nova en Lisboa: “Esta obra trata un tema case inédito, pero de interese tanto biográfico como temático. Fai accesíbel aos galegos a participación nas descubertas dos séculos XV e XVI de Portugal. Estas son paralelas e complementarias das hispánicas. A realidade participativa dos galegos, nun e noutro quefacer comercial e colonial, compre subliñala. A forma narrativa que emprega o autor resulta atractiva; é orixinal, quente e curiosa. A investigación de fondo que conleva, merece un posto neste campo histórico”.  

Contraportada do libro sobre João da Nova. Foto: arquivo do autor. Texto: Francisco Carballo.
Comentarios pechados.