CONVERSAS CON FRANCISCO CARBALLO

CONVERSAS CON FRANCISCO CARBALLO

Portada do libro imprentado por Edicións ANT (Vigo, 2002). Foto: Xan Carballa.

Ao remate do ano 2000, o historiador Francisco Carballo impartiu con nós unha charla ao abeiro do centenario do nacemento do Cardeal Quiroga Palacios en Maceda. Logo fomos cear con el, o inquedo activista Bieito Seara, o doutor Celso Sánchez e nós mesmos, ao Restaurante do Alto do Couso [hogano os tres abandeiramos a Asociación Amigos de Francisco Carballo]. Ao remate da cea convencémolo para que fixese un libro de conversas con nós e co prestixioso xornalista Xan Carballa do staff d´ANT. Foi doado. Fixamos os sábados pola mañá en Chan do Monte [Marín] para gravar arredor de 30 horas de conversa nunha ducia de sesións. O resultado foi un reconfortante libro que nos gorentou aos tres e, andando o tempo, a moitos lectores… Hoxe achegamos portada e  dedicatoria que nos fixo a Xan e a nós mesmos, cando se organizou a Homenaxe Nacional a Francisco Carballo en Marín, en setembro de 2005. Xa teremos tempo para peneirar todo isto, mesmo recuperar boa parte do contido histórico da bitácora anterior [que deixou de operar por causas alleas a nós]. Eis o texto da contracapa: “Francisco Carballo é unha figura de grande importancia na investigación e divulgación da historia de Galicia. Crego comprometido coa mensaxe de galeguización do cristianismo progresista e actor de moitas iniciativas de base deste movemento; animador de grupos culturais e activo militante nacionalista, ás súas opinións e a súa biografía axudan a coñecer e conformar unha nova visión do Noso País, coas claves do intelectual comprometido co seu tempo”.

Dedicatoria manuscrita de Francisco Carballo aos autores (Prol / Carballa, 2002).
Os comentarios están pechados.