FELO NON CANÓNICO

FELO NON CANÓNICO

Felo non canónico & amigo. Domingo de Entroido, a finais da década dos 90, na vila de Maceda. Foto: Santiago Prol

Nos últimos anos da década dos 90 e nos primeiros do século XXI, a indumentaria dalgúns felos non seguía un criterio uniforme. Vaia por diante a nosa consideración por todos os que se visten de felos e respecto sumo a ese sentimento de pertenza, acompasado coa forza telúrica dunha atávica tradición que abrolla ao abeiro dun territorio singular. Antano non todo o mundo tiña os recursos que, afortunadamente gozamos hogano. Agora ben, dende tecido asociativo, dende o departamento de Cultura do Concello de Maceda e dende chamadas de atención de xente con moito criterio, como o patriarca dos felos [Manuel Silva Garrido de Vilardecás inmortalizado logo nos libros etnográficos e nos felo-textos do Emilio Araúxo], procurouse que a estilización da indumentaria e as particularidades iconográficas, con respecto ao tronco común, fosen adiante: calcetíns de la brancos, medias negras, colares varios, rabo de zorro no alto da mitra pintada con fauna vencellada á Serra de San Mamede, cinco chocas [tres machos e dúas femias], outrosí caxato como arma lúdica, erótica e intimidatoria…

No singular documento gráfico que encabeza esta achega, podemos ollar, en primeiro plano, no centro da vila de Maceda, un felo non canónico, cunha carauta pouco depurada, cunha Virxe dos Milagres pintada e decorada con escasa fortuna na mitra, cun pantalón reciclado e afastado do estandarizado, mesmo cun paraugas negro no canto dun caxato… O amigo, con pequenas variantes, amosaba un aspecto semellante.

Felo non canónico & amigo na portada de ByN Dominical [10/II/2002]. Imaxe cedida por José Juan Pérez Ramos.

Ese mesmo felo non canónico e o seu acompañante [que trocou o fondo e a imaxe da mitra nos Entroidos posteriores], apareceron na portada da revista ByN Dominical, o 10 de febreiro de 2002, no monográfico “Carnavales. Guía mágica de una fiesta ancestral”. Están posando diante da tenda do Pepín Quintas, a carón da Praza das Toldas en Maceda. Agradecemos ao incansábel activista José Juan Pérez Ramos nos pasase este segundo documento que nós tiñamos trabucado no arquivo. ¡Beizón!

Na escolla da revista ByN Dominical, a parella de felos era manifestamente mellorábel. O ancestral non é incompatíbel coa estética. Agora ben, naquela altura había algún felo que mesmo levaba calcetíns dun equipo de fútbol moi coñecido da capital do Estado [de cuxo nome non queremos acordarnos], tal e como lembrou un noso Felo Amigo, en conversa informal, tomando unhas birras co director de cinema e profesor da USC Eloy Domínguez Serén [autor da laureada curta “Corpos” que se proxectou no exitoso ENFELARTE deste 2024]. Tres décadas despois, ademais da enorme implicación colectiva e do salto exponencial no número de felos, felas e feliñ@s, a súa indumentaria amosa, polo xeral, criterios moito máis aqueloutrados.

Insistimos na consigna coa que rematamos a nosa intervención no ENFELARTE 2024: “Non debemos optar por máis e si procurar centrarnos no mellor”. ¡Graciñas mil!

Os comentarios están pechados.