ESCOLMA DE BENS PATRIMONIAIS DE MACEDA

ESCOLMA DE BENS PATRIMONIAIS DE MACEDA

O Val do Medo conforma unha das zonas con maior concentración de achados paleolíticos de todo Ourense. A Arca do Medrollo, abeirada á aldea de Castro de Escuadro, semella un dos asentamentos primixenios da contorna. Outrosí dispomos de abondosos enterramentos prerromanos: Monte da Mámoa (Calvelo), Mámoas do Monte (Lamas), Mámoa de Tioira, Campo das Mámoas (Veiga), Francos, Xinzo da Costa… Tamén poboados castrexos: Malamao (Castro de Escuadro), Ventoso (San Mamede), Os Castrillós (Calveliño), Casarella (Xinzo da Costa), Santa Marta (Tioira), A Torre (Maceda), Lamas, etc. Petroglifos (Ansuíña, Xinzo da Costa…).

A Vía Nova [construída no século I d. C.] configura o vestixio máis salientábel da época romana [con demanda a UNESCO pra que a declare Patrimonio da Humanidade]. Conectaba a cidade de Braga con Astorga. Pasaba polo corazón da Terra de Maceda por dous trazados. O primixenio polo que hoxe é Pías, Barxela, Vilardecás, Xinzo da Costa, non lonxe de Paioso e Alto da Costa. Nun posterior -más operativo ao non sobordar o 6% de pendente máxima e ir abeirado á inmensa mina de ouro do Medo-, enfiaba por Foncuberta, Cimadevila, Outeiro Vello, Igrexa, Couzada e Santiago da Costa, para conectar co antigo. Seguía polo Camiño da Xé, faldreaba até os Chaos do Rodicio dirección Covas, A Costela, cruzaba o río Mao e continuaba pola Terra de Caldelas camiño de Astorga. Da Vía Nova quedaron abondosas pisadas: miliarios en Foncuberta [un reconvertido en peto de ánimas] e Cimadevila Tioira, tamén aras romanas como a votiva de Pías [xungue o mundo prerromano co romano] e a marmórea da Eirexa de Escuadro [evoca a fusión de familias indíxenas e romanas].

Lápida marmórea romana. Igrexario de Escuadro.

Outrosí o enigmático achado pétreo atopado no altar da igrexa de Asadur [en agradecemento ao funcionario romano Quinto Licinio por conseguir impostos máis equitativos para os interámnicos -os habitantes naturais da contorna-, por mor da enorme explotación mineira no Val do Medo]. Os investigadores Alvarado, Rivas e Vega sitúan a mansión romana Saliéntibus [dotada de parada de postas, pousada e demais infraestruturas], abeirada ao enigmático complexo de Xinzo da Costa, onde apareceron petroglifos, lápidas anepigráficas e o singular Penedo do Tesouro. Porén, o arqueólogo Rodríguez Colmenero ubica Saliéntibus en Asadur, onde -logo- houbo un cenobio [mosteiro] de monxas touquinegras [sec. X até o XIV]. No lado norte do igrexario de Asadur conservamos un senlleiro baixorrelevo cun Cristo crucificado, procedente do edificio prerrománico. Da Alta Idade Media quedan pisadas eremíticas no culto a San Mamede. Don Franque amosa vencellos co mosteiro de Santo Estevo. As freguesías agromaron nos séculos X-XI. Eclesialmente a Terra de Maceda inseriuse no decanato do deán da catedral ourensá. Moitos son os igrexarios do noso concello: San Pedro de Maceda, Zorelle, Asadur, Escuadro, Vilardecás, Santirso, Piúca, Tioira, Don Franque, San Xoán de Calvelo, Francos, Foncuberta, Bustavalle, Rodicio, Virxe das Neves [na vila], etc. Os de Asadur e San Pedro de Maceda conservan notábeis sepulcros con estatuas xacentes. Abeirado ao municipio áchase o eremitorio do Monte Medo, que se transformaría, andando os séculos, no complexo mariano do Santuario dos Milagres. A finais do XIX a diocese de Ourense quedou con 30 arciprestados entre os que estaba o de Maceda con 8 igrexas, 11 capelas e unha ermida. Parte do actual territorio municipal amosábase no medievo en mans dos mosteiros. Denantes do goberno dos Trastámara, a Limia e a Terra de Maceda conformábanse administrativa e militarmente como tenencias reais. Para controlar a de Maceda viñeron os Nóvoas.

Castelo de Maceda. Poster da Agrupación Cultural Os Cabaceiros, ca. 1978

Erixiuse a Torre medieval no cumio dun outeiro, enriba dun asentamento castrexo. A súa orixe insírese na xeira dos conflitos arraianos cos portucalenses; un bastión estratéxico para resgardar a sé do bispado de Ourense das arremetidas lusas. A María Fernández [filla do conde de Traba] fixéronlle a doazón da Torre medieval de Maceda como asignación real, ao casar co nobre Xoán Arias de Nóvoa [ca. 1169]. Pasaría á historia como propietaria primeira da fortaleza con rango señorial na que se asentarían os Nóvoas, hexemónicos até daquela na bisbarra do Ribeiro (Prol: 2009). A Torre fora derrubada na II Revolta Irmandiña [1467-69]. Logo veu a remodelación. Apegáronlle miradoiro con solaina ao xeito dos pazos galegos do XVII e XVIII [en Maceda temos os de Chaioso, Casasoá, Vilardecás… e casas grandes como a do inquisidor de Asadur en Outeiro do Cabo, a Casa Nova de Santirso, a do poeta García Mosquera (Castro de Escuadro), a casa onde veu ao mundo o Cardeal Quiroga Palacios (vila de Maceda), etc]. Nos perpiaños do Castelo de Maceda deixaron moreas de logotipos os canteiros; mesmo enxertaron dúas pedras armeiras no frontal e outras nos vértices e no torreón redondo, testemuños do ensarillado vencello dos Nóvoas. Esta casa-forte -declarada MHA en 1949 e BIC en 1994- hogano é propiedade municipal; o exemplo máis paradigmático da arquitectura civil de Maceda. Polas súas cámaras pulularon egrexios persoeiros: Afonso X o Sabio, que fixo inmersión lingüística en galego eiquí; o prelado pirómano Pedro Iáñez de Nóvoa e outros bispos vencellados con Maceda [soterrados na catedral de Ourense]. Outrosí o navegante João da Nova, o galego máis sobranceiro do século XVI ao servizo da Coroa de Portugal (Prol: 2002)…

Cruceiro da vila de Maceda, ca. 1900

Maceda amosa 56 entidades de poboación [1 vila, 36 lugares, 18 aldeas e 1 casal] en 12 parroquias. Ademais do subliñado posúe cruceiros salientábeis como o de Tioira e o de Maceda [e outros menos aqueloutrados]. Outrosí marcos divisorios ou cruces de termo, algúns con epígrafes: da Biduiza [Maceda / Esgos / Paderne], Pedrafita do Couso [Maceda / Esgos], Madavella [Maceda / Xunqueira de Espadanedo], Marcos do Rodicio [Maceda / Montederramo], Penedos da Moura [Maceda / Esgos], Cruz da Pena Salada [Maceda / Paderne, entre Piúca, Betán e Figueroa], Cruces da Cordeira [Maceda / Baños de Molgas]… Tamén petos de ánimas, airas de canastros ou cabaceiros, fontes, pombais, muíños e minas a ceo aberto de seixo [Rodicio] e de volframio [Baldrei], hogano esquilmadas e abandonadas. Un patrimonio vizoso nun enclave único da Galiza interior, inserido no Val do Medo e coa Serra de San Mamede e os Montes do Rodicio, patrimonios naturais de primeiro nivel, como pano de fondo.

Copyright: Santiago Prol

Comentarios pechados.