DE MACEDA ÁS ILLAS AGALEGA

DE MACEDA ÁS ILLAS AGALEGA

A comezos de maio de 2012, o xornalista David Reinero púxose en contacto con nós, pois quería mergullarse na apaixonante aventura de João da Nova, para inserir unha reportaxe que axiña sairía con grande amplitude no xornal El País (8/V/2012). Quedamos con el nunha céntrica cafetería da Praza Roxa, eiquí en Compostela [na nosa xeira de estudantes chamábase o Mochi]. Levámoslle un exemplar do noso libro “João da Nova, un mariño galego ao servizo da Coroa de Portugal” (Prol, 2002) e outro dos “Nobres vencellados ao Castelo de Maceda” (Prol, 2009). Tamén cartografía, material fotográfico, un cumprido dossier de prensa e demais. Departimos de vagar sobre o nauta galego toda a tarde diante duns cafés. O resultado foi un extraordinario traballo imprentado polo xornalista en El País [que penduraremos na súa integridade noutra achega]. Cinco anos despois fixo o propio para o xornal dixital Praza.gal, mesmo cun título moi singular: “De Maceda ás Illas Agalega: 515 anos da viaxe de João da Nova”. Eis o excelente traballo de síntese que o xornalista David Reinero imprentou en praza.gal, o 18 de agosto de 2017 [mesmo insire un interesantísimo mapa interactivo sobre o “Itinerario vital de João da Nova” que poderemos ollar ao remate desta transcrición no orixinal de praza.gal]. Queremos agradecelle todo o seu traballo de vulgarización sobre o nauta macedán dende esta bitácora. Beizón:

Imaxe inserida no traballo de David Reinero sobre João da Nova en praza.gal

“En setembro de 1502, hai agora 515 anos, arribaba a Lisboa o mariño João da Nova. Volvía da terceira expedición portuguesa á India, tras a primeira na que Vasco da Gama logrou superar o cabo de Boa Esperanza e a segunda na que Álvares Cabral fixo oficial a chegada lusa a Brasil. Naquela viaxe súa, João da Nova descubriu, na metade do Atlántico, as illas Ascensión e Santa Helena, na que tres séculos despois morrería Napoleón Bonaparte; pode que chegase mesmo a Ceilán, hoxe Sri Lanka; e nomeou unhas pequenas illas no Índico, entre Madagascar e as Seychelles, como Agalega. A República de Mauricio, á que hoxe pertencen, cre na orixe galega do topónimo. Porque o seu descubridor, ás ordes de Portugal, naceu en Maceda, é coñecido aquí como Xoán de Nóvoa e cunha terceira grafía plurilingüe tamén dá nome a outro dos seus descubrimentos no Índico, a Île Juan de Nova.

En 2002, coincidindo co quinto centenario daquela primeira viaxe de João da Nova á India, o investigador Santiago Prol, tamén macedán, publicou un libro no que recolle todas as referencias historiográficas sobre o mariño e fía un relato sobre a súa vida e o contexto das súas expedicións. Nacido aproximadamente en 1460 en Maceda e de familia nobre, Xoán de Nóvoa pasou a Portugal tras as revoltas irmandiñas. En Lisboa formouse e chegou a ser alcaide ou xefe militar da cidade en 1496, antes de converterse en quen, para Prol, foi o galego máis relevante do século XVI, un navegante case descoñecido na súa terra pero ao que Portugal e Gran Bretaña lembran con rúas, moedas e selos na súa honra.

A primeira viaxe de João da Nova á India seguiu a ruta impulsada polos portugueses para superar con máis facilidade  África que consistía, non en navegar abeirados ao continente, senón en dirixirse cara o centro do Atlántico para coller alí ventos alisios máis fortes. Esa traxectoria foi a que permitiu aos portugueses tocar Brasil na segunda viaxe á India, e a João da Nova descubrir na metade do Atlántico sur as illas de Ascensión (á que chamou daquela Ilha de Nossa Senora de Conceição e renomeada dous anos despois por Afonso de Albuquerque) e de Santa Helena. Na mesma viaxe, pero xa no océano Índico, João da Nova supostamente nomeou as Illas Agalega, entre Madagascar e as Seychelles. O topónimo é para Prol e outros investigadores unha proba do seu descubrimento polo galego ás ordes de Portugal, aínda que outras teses atribúeno a unha derivación do termo portugués galé, que nomea un tipo de barco.

Naquela primeira viaxe á India, Santiago Prol aínda lle atribúe a João da Nova outro logro aínda máis salientábel. O da primeira chegada dun europeo á illa de Ceilán, hoxe Sri Lanka, e que daquela se coñecía como a Ilha de Taprobana, así mencionada por Camões na primeira estrofa do seu “Os Lusíadas”. Alí foi atopada unha inscrición portuguesa datada en 1501, ano no que pola zona só navegaba o galego João da Nova con catro carabelas revolucionarias.

O mariño galego faría unha segunda expedición á India en 1505 da que xa non retornaría a Lisboa. Na viaxe de regreso, segundo relata Prol no seu libro, permaneceu un tempo na hoxe denominada Île Juan de Nova, no estreito que separa Madagascar de Mozambique. Alí recolleuno en 1506 o seu amigo Tristão da Cunha, co que participou nunha campaña militar para crear bases portuguesas en Ormuz e Omán, antes de acabar os seus días en Cochin, ao sur da India, en 1509”.

Pinchar eiquí pra ollar o traballo orixinal de David Reinero en praza.gal

Comentarios pechados.