CONVERSA CON XAN CARBALLA NO XORNAL EL PAÍS

CONVERSA CON XAN CARBALLA NO XORNAL EL PAÍS

El País, 29/VI/2007. Arquivo do autor

Recuperamos unha das memorábeis entrevistas que lle fixo Xan Carballa (https://elpais.com/autor/xan-carballa/) . Desta volta no suplemento LUCES do xornal EL PAÍS, o venres, 29 de xuño de 2007, cando estaba a gobernar eiquí o Bipartito (BNG/PSOE). Ademais do titular “A nosa obriga é destapar os relatos falsos do poder”, Francisco Carballo aportou intencionadamente outras máximas. Dicíanos Xan que o presbítero ilustrado de Maceda escollía ben como falar a cada público: “O poder utiliza para lexitimarse verdades e falsidades e non lle importa inventar documentación”, “A relixión, que eu considero gratificante, non pode imporse coa manipulación educativa”. Mesmo remata a entrevista cunha frase lapidaria: “O espazo laico é un lugar de igualdade”:

Francisco Carballo e Xan Carballa en Marín, 2001. Foto: Santiago Prol

Cunha traxectoria biográfica moi diversa, Francisco Carballo (Celeirón de Asadur, Maceda, 1925) ven destacando desde hai anos no seu papel de historiador que reivindica unha visión centrada en Galicia, multidisciplinar e crítica dos dogmas do poder. A súa heterodoxia na defensa do cristianismo de base, permite entroncalo tamén na estadea de cregos progresistas que, sen renunciar ás súas conviccións, permítense defender con liberdade unha educación pública e laica.

Pregunta. Cal é o papel do relato histórico na sociedade contemporánea?

Resposta. Considerouse durante séculos como unha narración. Partiu desa comprensión cara a un método máis científico, sobre todo desde a escola dos Annales (Francia, 1925) e a historia marxista. Despois dese atasco de economía e estatística que se produciu está voltando unha maneira de presentar a historia con máis atracción, mesmo literaria, e comezou a situarse mellor a escola narrativa. Pero todos os métodos que acompañan a historia son complementarios e non se poden absolutizar. Que trunfe a narración non lle pode tirar cientificidade, dentro do carácter desta ciencia que non é o mesmo que a bioloxía ou as matemáticas.

P. A necesidade dun relato coherente foi precisa cando se fundan os estados-nación. A persistencia de historias contrapostas poden chegar a formar parte da controversia política?

R. Nesa materia nacional é onde máis se observan as disparidades. É un debate parecido ao do mito na creación da conciencia histórica e os propios datos reais. O mito é un símbolo capaz de suxestionar e chegar á afectividade pero non se sustenta por si só na realidade actual do ser humano que precisa probas firmes.

P. Mitos sometidos a unha forte de deconstrución.

R. Datos e probas son esenciais para soster unha afirmación, pero o mito é unha simbolización, un xeito de comprimir nunha imaxe unha serie de elementos que non é capaz de evocar a estatística. O mito, en tanto que se interprete como historia, supón negar a autenticidade do que queremos probar. Se permanece no seu lugar simbólico de atracción e de atención, serve como revulsivo e nese sentido é imprescindíbel; o historiador pode invocalo como tal pero non como substituto da fonte. O mito sempre está provocando máis investigación (…).

P. No período político de Aznar deuse unha forte tensión precisamente pola interpretación histórica, concentrada na proposta de reforma das Humanidades e os programas escolares. A que responde esa dialéctica?

R. Posibelmente sempre se producirán esas controversias. A historia é un tipo de coñecemento no que xogan papeis relevantes a subxectividade e os intereses, por iso se reconstrúe constantemente. Non porque as probas sexan rexeitadas senón porque a interpretación depende do punto de vista. En España é moi patente porque moitas das súas empresas históricas estiveron cargadas en exceso de mito e de intereses do grupo dominante. Usáronse moitas falsificacións e nunca verás na historia española unha persistencia na desmontaxe de determinados mitos fundacionais, sexa Covadonga ou a unificación baixo a coroa de Castela. Hai un exceso de peso da historia áulica, baseada en documentos xurídicos e sen presenza doutras fontes e iso non é un problema específico español, tamén sucede coa historia da Igrexa ou de calquera institución, que deixan á vista só os datos propios da organización que persiste e esquecen todo o demais.

P. Unha marca súa como historiador é interpretar a Historia de Galicia desde si mesma?

R. Esa é unha das claves para evitar o dominio tan alto do mito da unidade hispánica e da lexitimidade do poder. Ao estudar a Historia de Galicia tes que aterte a fontes privadas, en ocasións ocultas, e non só ás oficiais. A nivel de institucións eclesiais o debate entre o monaquismo galego e os cabidos contra a reforma dos Reis Católicos durou até que rematou o Antigo Réxime; nos arquivos catedralicios hai unha documentación abundantísima, pero ningún historiador a utiliza para investigar ese rexeitamento a unha imposición que foi devastadora. E poderíamos seguir pondo exemplos.

P. Adoptar ese punto de vista propio custou moito?

R. As visións alternativas que hoxe se dan da realidade de Galicia aínda son minoritarias, tamén na Universidade. Tardouse porque os historiadores foron sometidos a unha escola e unha universidade que impuxo unha visión única e tardaron en poder revelar outra realidade. Empezou Murguía no século XIX porque era arquiveiro e coñecía de primeira man os documentos; seguiu a Xeración Nós porque empezaron a procurar nos documentos medievais e despois, desde os anos 1960/70, xa se puido insistir porque foi mellorando o acceso ás fontes. Mesmo así non se logrou transcender esa visión ao gran público, porque en todos os niveis educativos hai un dominio abraiante do discurso oficial e do saber estándar, afirmándose cousas sen probar. Colles un texto da ESO o do Bacharelato e máis da metade do que din dáse como dogma cando son opinións discutíbeis (…).

P. Aínda temos grandes lagoas na Historia galega?

R. Hoxe faise moita historia local e iso é básico, porque vai conducir a unha revisión completa. A historia documental que se está facendo agora, as novas investigacións arqueolóxicas, antigas e medievais, e a promesa do envío da documentación dixitalizada de fóra de Galicia vai permitir entrar en investigacións directas sobre moitas cuestións pendentes. Aínda pesa en exceso a historia oficial pero vai haber unha lentísima transformación que ademais tardará en permearse ao sistema educativo, porque moitos profesores mesmo omiten os capítulos referentes á historia de Galicia baixo a idea de que non entrarán na selectividade. E iso é porque eles mesmos non os coñecen.

P. O éxito de programas de divulgación histórica, como o recente Historia de Galicia na TVG amosan unha curiosidade popular polo pasado propio.

R. Lembro un capítulo sobre a tensión na historia eclesiástica entre os mosteiros galegos e os de fóra e gustoume porque suscita preguntas entre a xente. É unha maneira de interrogarnos e liberarnos de prexuízos.

P. Unha das súas ocupacións principais foi historiar a Igrexa galega.

R. Coido que xa din case todo o que me interesaba sobre ela. Quería saber se foi ou non un entorpecemento para o Noso País e escribín sobre a época da República e a base da súa responsabilidade na Guerra Civil, traballei sobre o seu comportamento no 36 e finalmente fixen un manual sobre toda a súa traxectoria secular que saciou xa a miña curiosidade. Ademais non debemos darlle moita importancia á historia de institucións; interésame máis a historia global da humanidade e a do pobo galego.

P. Moitos anos dedicounos profesionalmente ao ensino, e aínda sendo crego vostede defende un ensino público e laico. Por que?

R. Defendo unha educación gratuíta e universal porque é o único camiño para facilitar o desenvolvemento intelectual de todos. E aínda sendo imperfecto, porque as diferenzas económicas e psicolóxicas condicionan moito, o público é o mellor sistema posíbel. Laico porque a opción relixiosa, aínda que eu a considero gratificante, non pode ser imposta mediante a manipulación educativa. Basilio Álvarez, o crego e dirixente agrarista, dicía que non debía ser educador quen non fose pai de familia porque non sabe o que é un neno. Eu engado que non debe ser educador quen estea moi contaminado polo seu papel relixioso, porque non entende a posición de quen non está con el. O espazo laico é un lugar de igualdade”.

Os comentarios están pechados.