CONTEXTO DUN RETRATO PARA A FOTOTECA DO AUTOR NA WEB DA AELG
Ben entrado o outono de 2010, na cidade de Santiago de Compostela, a Xunta de Galicia estaba preparando a viaxe de Bieito XVI, que tamén se desprazaría a Barcelona dende a Cidade do Vaticano. Foron tantos os protocolos de seguridade e as restricións, que moita xente optou por non aparecer eiquí. As expectativas cuantificadas polas autoridades autonómicas en 200.000 potenciais persoas, quedaron moi desvalorizadas, aínda que investiran 3 millóns de euros para promocionar o evento. Nese contexto aparece esta foto que, dende a directiva da Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) tiveron a ben demandarnos, xunto con outra que escollemos como imaxe referencial. O autor do retrato é o fotógrafo profesional Eduardo Castro Bao. Datámola a comezos de novembro daquel 2010. Aparece de fondo o megaescenario que estaban montando uns días antes, para que oficiase o papa Ratzinger na Praza do Obradoiro e que non logrou encher. Na web da AELG podemos ollar outras imaxes do mantedor desta bitácora, na sección fototeca, nas que repararemos noutras achegas. Beizón!