A MAXIA DE SAN PEDRO DE ROCAS

A MAXIA DE SAN PEDRO DE ROCAS

Campanario de San Pedro de Rocas, 27/II/2022. Foto: Santiago Prol

Fomos até San Pedro de Rocas moreas de veces. A primeira xa de moi cativos cos nosos pais. Logo coas cuadrillas de Maceda no solpor da adolescencia e primeira xuventude. Iamos máis de 20 persoas no autobús de liña da Empresa Mangana, dende Maceda até o cruce cara San Pedro de Rocas en Esgos [9 km aprox.]. Despois subiamos andando até o cenobio [case 5 km máis] gozando da abraiante beleza daquela paisaxe… Alí pasamos xornadas completas de lecer os mozos e mozas de Maceda ao remate da década dos 70. Coa casa prioral abandonada á súa sorte, atopamos grupos de rapaces de Benposta, os da Ciudad de los Muchachos do Padre Silva, facendo xornadas de autosubsistencia e de reflexión [dende 1965 até 1980]. Aínda que moi de vagar, as autoridades decidiron poñer en valor este singular espazo relixioso, que amosa unha primitiva igrexa do século VI; un dos templos cristiáns máis antigos da Península Ibérica. Chama a atención que as tres naves fosen escavadas nunha soa roca. Vicente Risco denominounas “as capelas dos trogloditas”. Na da esquerda áchase o sartego do cabaleiro Gemodus. Outrosí restos de pinturas murais. No chan da igrexiña e do adro podemos ollar sepulturas antropomórficas que escavaban os propios monxes bieitos nas rochas. Impresiona o iconográfico campanario asentado nun monolito de case 20 metros de altura. Igualmente a Fonte de San Bieito, escavada tamén na roca, ao abeiro do Camiño Real. A tradición di que contén augas milagrosas que curan enfermidades da pel, sempre que vaian acompañadas de rezos verdadeiros… A casa prioral, do século XVII, hoxe asenta un interesante centro de interpretación da Ribeira Sacra, cunha exposición abondo didáctica en dúas plantas. Na superior amósanse os oficios tradicionais da contorna e na inferior a interpretación da vida monacal, a paisaxe e a historia, cun vídeo moi aqueloutrado de 11 minutos de duración. Eis o documento que nos mergulla de vez neste singular espazo [na súa versión en castelán que foi a que atopamos na arañeira]:

Outro vídeo abondo interesante de Galicia para el Mundo, emitido en 2014, complementa moi ben o anterior:

Até o mediático Iker Jiménez [“o popular xornalista do descoñecido”] vindicou a maxia de San Pedro de Rocas en abril de 2019, que logo pendurou a canle Ribeira Sacra:

Os comentarios están pechados.