O 25 DE XULLO ARREDOR DE MACEDA
Día da Patria Galega. Día de Galicia. Día do Santo Patrón das Españas. Festividade do Apóstolo Santiago… Nun só día poden entrar case todas as fasquías. Na órbita relixiosa en Maceda temos, abeirado ao 25 de xullo, ao Cardeal Quiroga Palacios, que protagonizou os Anos Santos de 1954, 1965 e 1971. Mesmo foi o impulsor iniciático do actual fenómeno Xacobeo. No plano arqueolóxico e literario temos ao presbítero ilustrado Manuel Vidal que escribiu tres libros arredor do universo Xacobeo e das orixes da cidade: “La tumba del Apóstol Santiago”, 1924, con portada de Camilo Díaz Baliño / o drama histórico “La reina Lupa”, 1924 / e a gran aportación arqueolóxica e doutrinal “El Pórtico de la Gloria”, 1926, tamén con portada do pai de Isaac Díaz Pardo. No plano político mesmo temos ao outro presbítero ilustrado Francisco Carballo, activo cadro nacionalista, impulsor d´ANT e dunha Escola de Historiadores en clave Nosa, que sempre estivo na Praza da Quintana o Día da Patria, agás o ano no que se tivo que celebrar na Praza de Galicia, onde el foi o pregoeiro central dos actos do BNG. Nesa liña de identificación coa Nosa Patria tamén están o ex alcalde de Maceda polo BNG e activista incansábel Bieito Seara e o doutor Celso Sánchez, dirixente de ERGA nos anos universitarios e persoa comprometida coa causa da liberación nacional dende aquela altura. Mesmo se aguzamos un pouco, poderiamos inserir ao líder comunista Benigno Álvarez que vindicaba xa, no tempo da II República, o dereito de autodeterminación para Galicia. Outrosí ao poeta galeguista Xosé Lois Parente, discípulo aventaxado de Vicente Risco, ao que seguiría até o derradeiro alento. No plano persoal, o 25 de Xullo é o día da nosa onomástica. Nós, que nos identificamos co Día da Patria e que residimos en Compostela, mesmo procuramos asimilar as demais fasquías deste día grande en clave de País. Dende esta bitácora imos rescatar o vídeo que tiveron a ben pendurar en Maceda na Rede os amigos activistas, José Juan Pérez e Alberto Outeiriño, que sempre exercen de macedáns. Vai sobre o noso libro arredor de Manuel Vidal en 117 imaxes, editado por Postal Editores en 2017. ¡Saúde e feliz Día da Patria! ¡Beizón!