ELIXIO RIVAS, REFERENTE NA INVESTIGACIÓN EN CLAVE NOSA [1925-2022]

ELIXIO RIVAS, REFERENTE NA INVESTIGACIÓN EN CLAVE NOSA [1925-2022]

Elixio Rivas Quintas nun acto no Museo da Limia en Vilar de Santos. Fonte: museodalimia.com

O 24 de setembro deste 2022 falecía [con 97 anos de idade] en Santa Marta de Tormes [Salamanca] o egrexio investigador, referente pra todos nós, Elixio Rivas Quintas. A nova do pasamento comunicóunola o amigo José Juan Pérez Ramos onte a media mañá. Mesmo nos enviou un aquelado enlace do xornal La Región que ampliaba a información. Despois aparecería outro na mesma liña no xornal La Voz de Galicia. Estivemos con Elixio Rivas por última vez no mes de marzo deste ano por mor da excursión da Asociación do IV Ciclo da USC. Malia ter 96 anos amosounos o interesantísimo Museo dos Devanceiros co didactismo e coa enorme sabiduría dun home venerábel entregado á investigación etnográfica e lexicográfica. Él foi o pai e a alma desa singular “criatura” que todo galego de ben debería ollar “in situ”…

A Asociación do IV Ciclo da USC con Elixio Rivas na entrada do Museo dos Devanceiros dos Milagres do Monte Medo, 26 de marzo de 2022. Arquivo: Santiago Prol

Aquel día agasallámolo cun par de libros nosos. El fixo o propio coa súa última publicación que mesmo nos dedicou. Era unha separata [de 20 páx.] do Boletín Auriense [Museo Arqueolóxico Provincial] de 2020 titulada “As orixes do hórreo” que gardamos no noso estudio en Compostela con moito agarimo. Rescatamos a sinopse: “Tomando como referencia as descubertas arqueolóxicas de Castro Gudín [na divisoria dos concellos de Xunqueira de Ambía e Baños de Molgas], dos que se fai descrición, estúdase a etimoloxía e a extensión da verba e do obxecto “horreo” no noroeste peninsular”.

Portada con dedicatoria da separata “As orixes do Hórreo” de Elixio Rivas no Boletín Auriense, 2020. Conforma a última publicación deste sobranceiro investigador. Arquivo: Santiago Prol

Co gallo da visita á contorna de Maceda da Asociación do IV Ciclo da USC fomos pendurando varias achegas pra contextualizar a mesma. Rescastamos hoxe deliberadamente a que titulamos “Elixio Rivas e o Museo dos Devanceiros“, visita obrigada e que agora debe poñerse en valor aínda máis, pra decatarse do enorme traballo que desenvolveu Elixio Rivas nel. ¡Que lle sexa leve a terra! ¡Que descanse en paz nos Milagres do Monte Medo, o seu fogar máis aceso!

Denantes imos pendurar un vídeo [4′] do “Ben falado”, que tanto éxito tivo na TVG, no que el se presenta como referente capital da lexicografía galega. Elixio Rivas amosábase bastante lonxe do que se deu en chamar “galego de laboratorio”… Lembremos que nos seus traballos de campo recolleu máis de 12.000 verbas galegas no mundo rural [moitas na nosa contorna] que non estaban en ningún dicionario. Mesmo indicando onde as recollía e poñendo un exemplo práctico do seu emprego na vida cotián, con debuxos dos obxectos correspondentes que realizaba el mesmo:

Eis a nosa aproximación nesta bitácora, datada o 9 de marzo de 2022:

“Achegámonos a Elixio Rivas por mor dunha monografía súa sobre a “Historia do Santuario dos Milagres” [1991]. Agora ben, abraiounos a “biblia” da nosa contorna, que el tirara do prelo en 1985; un auténtico “vademecum” que todo investigador debe ter en conta á hora de mergullarse nestas terras. Estamos a falar de “A Limia: Val de Antela e Val do Medo”. Elixio Rivas é un pioneiro ilustrado; todo un referente en etnografía, arqueoloxía e toponimia a nivel galego. Estudara nos Milagres, Limpias, Murguía, Madrid… Nacera no 1925, o mesmo ano que Francisco Carballo co que coincidiu en non poucos daqueles lugares. Logo estivo en Londres. Outrosí de misioneiro en Cuba. Regresou a Marín [Chan do Monte] exercendo a docencia. Con 45 anos matriculouse en Filoloxía Románica. Chegou a doutor desempeñando a cátedra de galego na universidade até a súa xubilación. A súa inmensa obra escrita soborda o medio cento títulos: lexicografía, onomástica, filoloxía, toponimia, arte, historia, viaxes… Foi recoñecido co Premio Otero Pedrayo, co Premio Pedra do Destino dos Amigos dos Museos, mesmo coa Medalla Castelao entre outros… Departimos con el hai uns días no Santuario dos Milagres. Falamos de vagar sobre a visita que faría [un par de semanas despois] o IV Ciclo da USC ao “seu museo”. Agasallámono coa nosa monografía sobre Manuel Vidal [Prol: 2017] que lle gorentou. Até comprobamos que aínda mantén unha lucidez impresionante, mesmo abeirando o século de existencia.

Santuario dos Milagres do Monte Medo. Foto: Santiago Prol

Elixio Rivas tivo a ben artellar, en varias estancias do antigo complexo autoxestionado dos Milagres, o singularísimo MUSEO DOS DEVANCEIROS [pinchar eiquí], que diseccionou en tres bloques temáticos: sacro, etnográfico e científico. Asentado en 8 salas, recolleu absolutamente de todo. E cando dicimos de todo, dicimos de todo [cos seus correspondentes nomes en galego escritos a man por el mesmo]. Até puidemos ollar, non hai moito, ao erudito Elixio Rivas Quintas no singular programa Cuarto Milenio de Iker Jiménez, vindicando a figura do Padre Mariano D. Tobar, o cura paúl que inventara o cinema [denantes que os Lumière] e tamén outros 14 inventos. Só chegara a patentar un deles. Parte do seu legado logrou rescatalo Elixio Rivas do colexio dos PP Paúis en Villafranca do Bierzo, onde Tobar creara un Museo de Ciencias e unha Aula de Física. A este precursor do cinematógrafo chamáronlle: “Un Da Vinci con sotana e bonete”, “O Xulio Verne español”, “Un home do Renacemento”, “O xenio incomprendido”, “O frade que regalou a súa idea aos Lumière”… Hogano, por iniciativa de Elixio Rivas, unha parte salientábel dese legado do Padre Tobar, podemos ollalo felizmente no Museo dos Devanceiros dos Milagres do Monte Medo. Eis a relevante reportaxe de Iker Jiménez [Elixio Rivas sae a partir do minuto 4:45 un bo feixe de veces] ¡Beizón!”:

Os comentarios están pechados.