BELLO PIÑEIRO ILUSTRADOR
Ademais dun destacado pintor, este fillo sobranceiro do Seixo [parroquia de Franza, Mugardos, 1886 – 1952], tamén fixo incursións como ilustrador, como activista político e cultural e como escritor. A imaxe que acompaña esta achega amosa a portada da novela de Manuel Vidal Rodríguez [Maceda, 1870 – Compostela, 1941], titulada “Elena de Síbaris”, que saíra do prelo en Madrid no 1912. Naquela altura Bello Piñeiro andaba moi activo pola capital do Estado. Xa en 1901, con quince anos de idade, aparece matriculado na Real Academia de Bellas Artes de San Fernando. En Madrid foise relacionando, a través do Centro Galego, coa Pardo Bazán, Basilio Álvarez, Antonio Palacios, Francisco Asorey, Afonso Rodríguez Castelao, Fernando Álvarez de Sotomayor… Outrosí co presbítero ilustrado Manuel Vidal. A relación entre os dous viría arredor do 1909. Naquela altura Bello Piñeiro colaboraba facendo debuxos e ilustracións na revista “Galicia” abandeirada por Basilio Álvarez e logo por Manuel Vidal [Prol: 2017]. Ademais da portada de “Elena de Síbaris”, Bello Piñeiro fixo ilustracións e portadas dos libros de Basilio Álvarez: “Hablando con Santos” e “El libro del Periodista”. Tamén “Desde el cielo” de Manuel Murguía, “Concepción Arenal” de Fraga Porto, “A Santa Compaña” de Roberto Novoa Santos, etc. [Mosquera Rodríguez: 1989]. Dixemos ao comezo que o pintor Felipe Bello Piñeiro fixera incursións como escritor… Meterémoslle o dente noutra achega. ¡Beizón!