ELIXIO RIVAS E O MUSEO DOS DEVANCEIROS
Achegámonos a Elixio Rivas por mor dunha monografía súa sobre a “Historia do Santuario dos Milagres” [1991]. Agora ben, abraiounos a “biblia” da nosa contorna, que el tirara do prelo en 1985; un auténtico “vademecum” que todo investigador debe ter en conta á hora de mergullarse nestas terras. Estamos a falar de “A Limia: Val de Antela e Val do Medo”. Elixio Rivas é un pioneiro ilustrado; todo un referente en etnografía, arqueoloxía e toponimia a nivel galego. Estudara nos Milagres, Limpias, Murguía, Madrid… Nacera no 1925, o mesmo ano que Francisco Carballo co que coincidiu en non poucos daqueles lugares. Logo estivo en Londres. Outrosí de misioneiro en Cuba. Regresou a Marín [Chan do Monte] exercendo a docencia. Con 45 anos matriculouse en Filoloxía Románica. Chegou a doutor desempeñando a cátedra de galego na universidade até a súa xubilación. A súa inmensa obra escrita abrangue o medio cento títulos: lexicografía, onomástica, filoloxía, toponimia, arte, historia, viaxes… Foi recoñecido co Premio Otero Pedrayo, co Premio Pedra do Destino dos Amigos dos Museos, mesmo coa Medalla Castelao entre outros… Departimos con el hai uns días no Santuario dos Milagres e comprobamos que mantén unha lucidez impresionante, mesmo abeirando o século de existencia.
Elixio Rivas tivo a ben artellar, en varias estancias do antigo complexo dos Milagres, o interesantísimo MUSEO DOS DEVANCEIROS [pinchar eiquí], que diseccionou en tres bloques temáticos: sacro, etnográfico e científico. Asentado en 8 salas, recolleu de todo. E cando dicimos de todo, dicimos de todo [cos seus correspondentes nomes en galego]. Até puidemos ollar, non hai moito, ao erudito Elixio Rivas Quintas no singular programa Cuarto Milenio de Iker Jiménez, vindicando a figura do Padre Mariano D. Tobar, o cura paúl que inventara o cinema [denantes que os Lumière] e tamén outros 14 inventos. Só chegara a patentar un deles. Parte do seu legado logrou rescatalo Elixio Rivas do colexio dos PP Paúis en Villafranca del Bierzo, onde Tobar creara un Museo de Ciencias e unha Aula de Física. A este precursor do cinematógrafo chamáronlle: “Un Da Vinci con sotana e bonete”, “O Xulio Verne español”, “Un home do Renacemento”, “O xenio incomprendido”, “O frade que regalou a súa idea aos Lumière”… Hogano, por iniciativa de Elixio Rivas, parte dese legado do Padre Tobar podemos ollalo felizmente no Museo dos Devanceiros dos Milagres do Monte Medo. Eis a relevante reportaxe de Iker Jiménez [Elixio Rivas sae a partir do minuto 4:45 un bo feixe de veces] ¡Beizón!: