13 DE FEBREIRO, DÍA INTERNACIONAL DA RADIO
Nese día de 1946 a ONU puxo a andar a radio das Nacións Unidas. Quen declarou o 13 de febreiro como Día Internacional da Radio foi a UNESCO. Na nosa casa tiñamos un aparello de radio con caixa de madeira da marca Inter [a que aparece na foto e que conservamos con moito agarimo no noso estudio eiquí en Compostela]. Nela escoitabamos “o parte” que, naquela altura do franquismo sociolóxico, levaba en exclusiva Radio Nacional de España e que todas as demais emisoras tiñan obrigatoriamente que conectar coa radio pública pra emitir aquel servizo informativo, que non tiña ren de imparcial. De moi cativos escoitabamos RNE e tamén a Cadena SER naquel aparello que estaba nunha plataforma de madeira na cociña. Andando o tempo tivemos un radiocasete que nos trouxeran de Chaves, camuflado na roda de reposto do Citroën GS familiar. Daquela eses aparellos en Portugal eran moito máis baratos. Tamén as cintas magnetofónicas que nos traían cada vez que os pais ían á Feira de Santos alí ou por mercadorías noutras datas. De Maceda a Chaves hai case 90 quilómetros e agora chégase nun tempo relativamente curto, pero daquela era toda unha aventura, incluídas as paradas na raia pra poder cruzar a Portugal e logo pra regresar. Nos nosos coches sempre tivemos radiocasetes e a radio forma parte das nosas vidas dende cativos. Temos aparellos practicamente en todas as estancias da casa e o son de fondo da radio case sempre está presente. ¡Beizón!