XULIO CONDE, DISTINCIÓN AO MÉRITO DEPORTIVO 2022

XULIO CONDE, DISTINCIÓN AO MÉRITO DEPORTIVO 2022

Diploma e medalla “Distinción ao Mérito Deportivo de Galicia 2022”. Foto: Familia de Xulio Conde

Onte, 6 de outubro de 2022, os macedáns [e os galegos en xeral] soubemos que o presidente da Xunta de Galicia materializara a entrega da medalla e o diploma ao Mérito Deportivo a Xulio Conde. Xa Radio Maceda avanzaba o día 4 [feira] a nova. No libro “Conversas co Bieito” [Prol: 2022] reparamos varias veces en Xulio Conde. Focalizámolo como activista cultural abandeirando as Noites Folk do Castelo de Maceda. Tamén como político nomeadamente no seu compromiso en clave Nosa co Bieito. Outrosí como activista deportivo arredor do Club Ciclista Maceda.

Xulio Conde na entrega da Distinción ao Mérito Deportivo 2022 co presidente da Xunta de Galicia e o alcalde de Santiago de Compostela. Fonte: www.fotocarlosgrafias.com

Recuperamos un breve parágrafo da páxina 171 das “Conversas”. Comentámoslle nós a Bieito que Xulio Conde puxera o nome de Maceda a nivel mundial. Dunha resposta extensa [2 páxinas] Bieito di: “Sería impensábel que a Vuelta a España de Ciclismo por Estrada de 2016 [Etapa 7], saíse dende Maceda sen todo o que leva facendo Xulio Conde dende 2004. Aquela mañá, os cativos da Escola de Ciclismo de Maceda, fixéronlle unha homenaxe. O xornalista da TVG, Terio Carrera, que estaba alí contratado pra cubrir as etapas galegas da Vuelta, dixo que Xulio Conde merecería moitos máis recoñecementos por todo o que leva feito a prol do ciclismo de base e do outro”. Noutro parágrafo Bieito comenta que “Xulio deuno todo e máis polos rapaces, por Maceda, por Galicia, polo ciclismo en xeral, polo BTT, polo ciclocross… Aínda que lle están facendo algúns xestos, vai sendo hora pra que a súa vila natal lle recoñeza todo o seu traballo eiquí, cun aceno superior ao que lle fixeron até o de agora. Sempre mantivo unha coherencia que xa quixeran outros”.

Rematamos esta achega dándolle -con enorme ledicia- os parabéns ao noso veciño [e parente] Xulio Conde dende o noso “exilio” compostelán. Mesmo cunha cantiga de Fuxan Os Ventos que onte tamén eran recoñecidos co Premio Martín Códax da Música. Escoitemos “Sementeira”, pois iso é o que leva facendo Xulio Conde dende hai dúas décadas a prol do deporte con maiúsculas. ¡Saúde! ¡Beizón!

Fonte: BARRIMEI
Os comentarios están pechados.