XOÁN XXIII, O PAPA DO CONCILIO

Xoán XXIII e Paulo VI foron os papas aos que máis querenza amosou Francisco Carballo. Hoxe imos recuperar o que o presbítero ilustrado de Maceda pensaba sobre Angelo Giuseppe Roncalli (Bérgamo, 1881 – Cidade do Vaticano, 1963), que mesmo foi papa dende outubro do 58 até o seu pasamento en xuño do 63. Nas Conversas (ANT, 2002) preguntámoslle: “Aínda que Xoán XXIII tivo un papado breve, revolucionou a Igrexa ao convocar o Concilio Vaticano II, que comezou en outubro de 1962, acadado unha enorme popularidade. ¿Debemos conceptualo como un dos grandes pontífices da historia do catolicismo?”
Francisco Carballo respondeu: “Xoán XXIII tiña formación de historiador, era comprensivo e seguro. Coñecía á perfección as interioridades da diplomacia vaticana e distinguía ben os valores cristiáns das circunstancias locais e temporais. Pacem in Terris é a encíclica máis importante da Igrexa católica dende 1800: pon fin ao enfrontamento entre fe e ciencia, porque senllas vías do saber se complementan e se interrogan.
O Vaticano II foi un concilio xeral con talante ecuménico. Tratou de abrir canles para un cristianismo que respondese á Ilustración e ao “postmodernismo”. Está in nuce na Pacem in Terris de Xoán XXIII e na Divino Afflante Spiritu de Pío XII. Supuxo o abandono da escolástica, a apertura á Historia e a aceptación do pluralismo teolóxico. O cambio de modelo eclesial é de tal envergadura que só un pequeno sector o está a asimilar, pero é seguro que sobre ese paradigma se vai mover o cristianismo no futuro. A Gadium et Spes [constitución pastoral do Concilio Vaticano II, 1965] define as relacións da Igrexa no mundo; un mundo en creación e unha Igrexa sempre en reformulación”.

“¿Coidas que é axeitado trocar en “papa-reliquia” a quen non tivo ningunha veneración especial polas reliquias?
Moi serio díxonos Carballo: “O traslado á basílica de San Pedro dos restos de Xoán XXIII obedece a formas cúlticas do catolicismo popular amante das reliquias. Agora os “consumistas” do cinema, os vídeos e fotografías acaparan a atención e converten as visitas en sesións de celuloide. A relixiosidade popular é sempre ambigua: busca modelos, expresa inquedanzas, pero cae no fetichismo e dá ocasión aos mercaderes”.

N.B.- Na primeira imaxe aparece Xoán XXIII co macedán Cardeal Quiroga Palacios. Levábanse moi ben, mesmo gozaban dunha fonda amizade. Quiroga invitou a Roncalli -cando este era cardeal e patriarca de Venecia- a visitar Compostela en 1954. A segunda foto tirámola nós nunha das viaxes que fixemos a Italia. Coincide co verán de 2001, mesmo cando xa tiñamos as Conversas (Prol / Carballa, 2002) moi avanzadas e cando o papa polaco Xoán Paulo II acordou expoñer a Xoán XXIII -momificado nunha vitrina- na basílica de San Pedro (Cidade do Vaticano), con moreas de persoas facendo cola moito tempo para poder ollar, tocar -ou bicar- o pé da vitrina e retratar ao “papa bo”. A Francisco Carballo non lle gorentaba absolutamente nada aquela exposición mediática. A terceira é a portada do DVD da película documental da que penduramos o “trailer” eiquí:
Fonte: goyaproducciones