XOSÉ GARCÍA MOSQUERA, O PRECURSOR ESQUECIDO

XOSÉ GARCÍA MOSQUERA, O PRECURSOR ESQUECIDO

Con ese título comezamos hai 23 anos unha incursión nun dos poetas trilingües máis senlleiros de mediados do XIX en Galicia. Naquela altura estaba Bieito Seara de alcalde en Maceda. Quería modificar o rueiro municipal -cheo de vestixios franquistas-. Demandounos un dossier dos fillos sobranceiros para xustificar o troco do nome dalgunhas rúas. Mergullámonos así neste escritor orixinario da aldea de Castro de Escuadro, no corazón da serra de San Mamede, que hoxe ten unha rúa á súa memoria na vila de Maceda. Na súa casa matricial atopamos pegadas da súa biblioteca, un diario, un caderno -que titulou Menores– e un misal en latín de 1758 na capela do seu lar; unha “casa grande” daquel Castro de Escuadro -ateigado de vida agraria e gandeira- que sobordaba os 600 habitantes (o concello andaba polos 4.500). García Mosquera viñera ao mundo o 17 de marzo de 1817, no seo dunha familia fidalga vencellada aos Nóvoas, aos Feixóos e aos Mosqueras. Alí regresaba sempre que as súas obrigas docentes llo permitían. Era o lugar de repouso, de lecer e de inspiración. Mesmo sería -ao seu carón no adro parroquial de Escuadro- o da viaxe derradeira.

En 1948 a súa neta Hortensia González García encargoulle ao catedrático de Literatura José Fernández Gallego unha achega á traxectoria do seu avó. Titulouna Poesías de José García Mosquera. Catedrático de Retórica y de Poética en el Instituto de Orense (1817-1868). Unha solvente edición de 103 páxinas, tirada no prelo de La Región, con introdución, escolma e notas, que sufragou a neta do poeta. Exhumaba quince poemas en castelán, tres en latín e os tres en galego polos que pasaría á historia das Nosas Letras: Recordos d´Azara (1851), Á Real Familia en Santiago. Cantinela gallega (1858) e, nomeadamente, A vida d´o campo, unha recreación do epodo Beatus ille de Horacio, que non se pode entender ben sen o seu lugar primixenio. Cando o poeta escribe: “Ora á sombra deitado su d´a encina, / ou na grama teimuda, / choutar sinte no val sobre as areas / o cachón que d´a serra se derumba”, está teimando na “súa” Serra de San Mamede e no “seu” Val do Medo. Esta canónica composición apareceu na pioneira Gramática Gallega de Saco en 1868. No Apéndice II, escolle once poemas do mellor que se estaba a facer en galego naquela altura. Selecciona dous poemas de Rosalía, dous de García Mosquera, un de Pondal, dous de Alberto Camino, un de Pintos, outro de Marcial Valladares… García Mosquera estaba de baixa por problemas respiratorios serios que arrastraba dende facía anos. Parte de 1868 -denantes do seu pasamento con só 51 anos- pasouno encamado en Ourense lembrando con señardade as súas orixes. Eis a cerna que abrollaría nesa peza maxistral que, no dicir de Filgueira Valverde, “é un modelo de fidelidade ao espírito horacián -mesmo na conservación da desfeita humorística do remate-, de enxebría nas locucións, de certeira e sobria dicción. Emporiso non falta nas antoloxías galegas e ten cabida en obras xerais como Horacio en España de Menéndez Pelayo”. Engade logo: “Chegou ao cultivo do galego polo vieiro do humanismo. Parecíalle máis achegado ao latín e ía cara el cun ánimo de apego á Natureza”. Para Fernández Gallego esta peza “ten o valor dunha poesía orixinal, tanto polo acerto e pulcritude da versión, como polas belezas da linguaxe e o acento musical”.

García Mosquera mesmo empregou o heterónimo Armindo para imprentar algúns poemas que non aparecen na antoloxía de Fernández Gallego. Evocan un amor de xuventude e o reencontro na madureza. Casou serodio -aos 40 anos de idade- con Ignacia Fornos. Tivo catro fillos e -aínda que el non puido gozar deles-  cinco netos. Porén, hoxe non queda descendencia directa do poeta, que tamén era políglota, con coñecemento de once linguas: latín, grego, hebreo, árabe, sánscrito, euskera, francés, inglés, alemán, castelán e galego.

Ademais de catedrático de Latín e Humanidades e logo de Retórica e de Poética no Instituto -naquela altura o centro de formación e cultura máis salientábel en Ourense-, foi o poeta oficial da cidade: loas á chegada dos novos bispos (Ávila y Lamas, Lastra y Cuesta), ás Flores de maio a María, na lección inaugural do curso académico, ao 1º aniversario do Liceo (era vicepresidente e dirixía as seccións de Poesía, Literatura e Declamación)… Un alumno avantaxado del, Valentín Lamas Carvajal, xunto co seu colega Saco y Arce foron os que o vindicaron, xunto con parte da intelectualidade, da cúpula eclesiástica e da clase política daquel Ourense do último terzo do XIX (naquela altura a cidade abanaba entre os 11.000 h. de 1857 e os 15.000 de finais de século). Puxéronlle unha placa na casa na que viviu (R/ Hernán Cortés, 10) coa Pardo Bazán no acto da descuberta (12/IX/1887) e unha rúa a carón do actual IES Otero Pedrayo, trinta anos despois do seu pasamento (19/XI/1897). No século XX, ademais dos citados, salientaríamos a Carballo Calero e a Varela Jácome como valedores e, no século XXI a Alonso Montero, que mesmo impartiu unha conferencia en Maceda en xullo de 2007 (subliñando a tradución ao castelán d´A vida d´o campo polo poeta chileno Eduardo de la Barra) e a García Negro, especialista en Lamas Carvajal, escritor que vindicou a inmortalidade do poeta trilingüe na súa composición No cimeterio de Ourense. Nesa teima traballamos ao abeiro do 150 cabodano do seu pasamento.

Este artigo saíu publicado na Voz de Galicia.

Os comentarios están pechados.