ROTEIRO POR BARAKALDO (7)
Comezamos a sétima achega do Roteiro por Barakaldo co vídeo que artellaron os Padres Paúles, co gallo do 50 aniversario do novo colexio. Lembremos que tivo a Francisco Carballo como primeiro director. Nel fan un percorrido pola historia do mesmo [Carballo sae nunha foto no minuto 2:27]. Naquela altura había uns 1.100 alumnos (o colexio chegou até os 1.650 discentes). Fomentaban moito daquela o deporte do baloncesto, mesmo federados e competindo con equipos de moito nivel. Deste centro saíron alumnos que logo serían (e son) persoeiros importantes na vida pública vasca (moitos políticos e deportistas) e mesmo a nivel estatal no mundo da comunicación (léase Carlos Sobera entre outros).

Coa xeira de Francisco Carballo como director do novo Colexio de San Vicente de Paúl de Barakaldo, creouse unha revista anual [da que dispoñemos de dous exemplares que nos pasou o presbítero ilustrado de Maceda]. Desta volta imos peneirar un pouco o número 2, correspondente a setembro de 1964. Ía dedicado “ao neno, dirixido aos maiores e con un agarimo especial ao Padre Francisco Carballo polos seus tres anos de pilotaxe á fronte do Colexio”. Comezaba imprentando os nomes dos alumnos con “Premio ao rendemento escolar” e que ían dende os de Ingreso, os seis cursos de Bacharelato e os de Preuniversitario (despois COU).

Logo inserían artigos de contido relixioso (nomeadamente sobre a fe do neno, do adolescente e do home). Outrosí fotos das actividades lúdicas, deportivas e culturais do centro, referencias aos exalumnos, resumo estatístico das cualificacións globais do curso académico 1963-64, poemas dedicados á nai, contos, premios ao comportamento, cartas dos alumnos. Naquela altura era un colexio masculino. Anos máis tarde irían incorporando alumnas no Curso de Orientación Universitaria (COU).
