O REGRESO DE CASTELAO NA OLLADA DE XAN CARBALLA

O REGRESO DE CASTELAO NA OLLADA DE XAN CARBALLA

Fonte: Nós Diario, 7/III/2024

Dende o 7 deste mes de marzo até o 2 de xuño de 2024, na planta baixa do Edificio Castelao do Museo de Pontevedra, podemos ollar unha singular exposición cunha escolma de 52 fotografías que Xan Carballa tirou coa súa Minolta nunha data histórica: o 28 de xuño de 1984, coincidindo [48 anos despois] coa da votación do Estatuto do 36. O Parlamento Galego, por iniciativa do deputado de Esquerda Galega, Camilo Nogueira [moi cuestionado naquela altura polo nacionalismo hexemónico], por unanimidade dos presentes, votou para que os restos de Afonso Daniel Rodríguez Castelao regresasen a Galiza dende o Cemiterio da Chacarita, onde repousaban [no Panteón do Centro Galego de Bos Aires] dende o 9 de xaneiro de 1950. Faltaban os tres deputados nacionalistas do BNG [Bautista Álvarez, Lois Diéguez e Claudio López Garrido], que foran expulsados inxustamente por non acatar un formalismo que despois quedou como quedou…

Cartaz da exposición. Arquivo do autor

Coñecemos a Xan Carballa en setembro de 1978, naquela bretemosa Escola de Maxisterio asentada no barrio da Ponte de Ourense. Chamounos a atención que case sempre viña acompañado dun exemplar do Faro de Vigo e dunha cámara de fotos. Daquela xeira xa falamos noutras achegas [pinchar eiquí]… Cando rematou a súa formación en 1981 para, en principio exercer a docencia, Xan deu un “xiro copernicano” [como nos dicía o profesor de Psicoloxía] e decantouse polo mundo da comunicación en clave Nosa. Traballaba para o semanario A Nosa Terra (ANT) como fotógrafo dende 1977. Formou parte, a tempo completo, do staff d´ANT dende 1982. Durante doce anos, dende 1984 e 1996, coordinou os monográficos [entre eles os de Castelao] e a colección A Nosa Historia. Exerceu como director de Edicións ANT entre 2004 e 2006. Outrosí como subdirector na última etapa do semanario dende 2007 até 2010, data da súa desaparición [en papel]. Hogano podemos recuperalo, mesmo co histórico en https://anosaterra.com/hemeroteca/ . Xan tamén foi colaborador do xornal EL País, na súa edición galega, con entrevistas abondo salientábeis no suplemento Luces. Logo, dende 2014,  mesmo se decantou pola edición co selo Engaiolarte. Hogano colabora en Nós Diario con reportaxes e tamén entrevistas [o formato no que se sente máis aquelado]. Escribiu a Biografía de Valentín Paz Andrade (2012), Conversas con Xavier Vence (2014) e  [con nós] as Conversas con Francisco Carballo (2002). Estivo no Consello da Cultura Galega (1990-2000). Participou na TVG, no programa “Hai debate” na xeira do Bipartito (2005-2009). Outrosí en parladoiros noutros medios radiofónicos. Activista incansábel a prol do Noso, é hoxe unha das persoas que “máis controla” do universo vencellado ao nacionalismo galego. A súa colección de fotografías dende a Transición até hoxe, con milleiros de negativos, debe formar parte da nosa memoria colectiva como pobo. Benvida pois esta iniciativa.

Detalle da foto que lle tirou Manuel Veiga a Xan Carballa o 28 de maio de 1984 en Bonaval. Arquivo do autor.

As fotos que seleccionou para esta exposición, fan un percorrido intenso na delongada, accidentada e conflitiva tarde do 28 de xullo de 1984, da que se van cumprir 40 anos. Primeiro no aeroporto da Lavacolla [cos do PC e Xesús Alonso Montero moi alporizados], nos arredores do mosteiro de San Domingos de Bonaval [onde houbo vindicacións dos nacionalistas, non poucos incidentes e tamén descargas a esgalla, incluso a deputados do BNG] e logo no interior da igrexa [con Albor, presidente da Xunta; Rosón, presidente do Parlamento; García Sabell, delegado do Goberno; Teresa, a irmá de Castelao; Baltar, testamenteiro da familia; galeguistas históricos… Mesmo o arcebispo Rouco Varela e, pra contrarrestar, o crego inculturado Torres Queiruga que cooficiou a misa en galego lendo unha homilía moi axustada]. Alí repousarían definitivamente os restos do pai do nacionalismo galego nun sinxelo, pero impresionante sartego granítico, no Panteón de Galeg@s Ilustres, a carón de Rosalía, Brañas, Cabanillas e Asorey. Logo viría o xeógrafo Domingo Fontán.

Fonte: exposición “Castelao. O retorno a Galicia, 1984”. Arquivo do autor

O comisario desta lograda exposición, o historiador Xosé Enrique Acuña, engadiu un prologo expositivo co “cosmos de Castelao, nomeadamente no exilio” [Nós Diario, 7/III/2024]. Subliña que “as fotografías de Xan Carballa, tiradas hai 40 anos e restauradas para esta mostra, expóñense como unha crónica visual daquel histórico día”. Logo engade: “Este conxunto de imaxes vencella ao seu autor [tiña 23 anos] co canon imperante naquel novo fotoxornalismo, nomeadamente en branco e negro, que se implantou coa liberdade de prensa nos xornais e semanarios de todo o Estado dende o remate da ditadura franquista”.

Portada d´ANT, núm. 250, 5 de xullo de 1984. Arquivo do autor

En declaracións recentes, Xan Carballa incide nunha idea forza abondo significativa: “Na chegada dos restos de Castelao a Galiza non houbo apenas solemnidade (…). Malia ser unha figura política fundamental, os xornais tampouco lle deron gran importancia, porque a Xunta non tivo un interese especial para que se crease un gran ambiente político” (Faro de Vigo, 28/II/2024). Naquela altura o semanario ANT [e por ende o BNG] preguntábase, a toda páxina, na portada: Castelao, é de todos? Institucionalizáronse logo as Medallas Castelao das que falaremos noutra achega, pois houbo de todo nestas catro décadas…

Invitamos a quen nos siga nesta bitácora, teñan a ben desprazarse até a cidade de Pontevedra e mergullarse de vez, coa forza destas imaxes, nunha data que xa forma parte da historia do Noso País. ¡Graciñas mil Xan! ¡Saúde e Patria!

Inauguración da exposición. Fonte: Deputación de Pontevedra
Os comentarios están pechados.