O DOUTOR CELSO SÁNCHEZ, A ÉTICA AO SERVIZO DA COLECTIVIDADE

O DOUTOR CELSO SÁNCHEZ, A ÉTICA AO SERVIZO DA COLECTIVIDADE

O doutor Celso Sánchez coa portavoz nacional do BNG, Ana Pontón. Marzo de 2023.

No privilexiado miradoiro da Serra de San Mamede (Castro de Escuadro, Maceda) naceu o doutor Celso Sánchez González en 1955. Quedou orfo de pai aos 15 anos. El e as súas irmás saíron adiante coa axuda da súa nai e co esforzo dos catro. Consolidamos amizade na vila de Maceda a comezos dos 80 preparando o futuro. Pasamos moitos intres de conversa -ao mediodía e ao empardecer-, na Cafetería do Cesáreo (o “Comité Central do Chéchari”). Naquela altura seguiamos de cerca a Revolución en Nicaragua. Celso meteunos de cheo no día a día do Frente Sandinista de Liberación Nacional (FSLN). Mesmo nos pasara (en casete) o instrutivo álbum “Guitarra Armada” (1979) dos irmáns Luís & Carlos Mejía Godoy e os de Palacagüina. Despois agromou o demais: o dobre vinilo “Abril en Managua” (1983), libros de Xulio Cortazar, Ernesto Cardenal, Tomás Borge, Sergio Ramírez, Gioconda Belli… Viaxou logo o doutor Sánchez a unha Nicaragua -xa lampedusiana-, en misións solidarias e humanitarias, sacrificando as súas vacacións anuais a prol daquela causa. 

O doutor Celso Sánchez na Praza da Quintana de Santiago de Compostela, o 25 de xullo de 2022.

Reencontrámonos outra volta no ennobrecemento do veterinario comunista Benigno Álvarez e dos caídos e represaliados de 1936, feita con moito tacto nun contexto abondo hostil (1997), coa dereita gobernando todas as institucións (en Maceda cun bipartito contranatura PP-PSOE, logo da espuria moción de censura ao incansábel activista Bieito Seara, rexedor do BNG). Artellamos logo a entrañábel homenaxe ao presbítero ilustrado Francisco Carballo (verán de 2000). O doutor Sánchez -que estivera en primeira liña- conforma hogano con Bieito Seara e nós mesmos, a cerna da Asociación Amigos de Francisco Carballo que procura manter acesa a memoria do historiador de Celeirón de Asadur.

O doutor Celso Sánchez recitando un poema de Darío Xohán Cabana á memoria de Benigno Álvarez en Maceda. Marzo de 1997. Arquivo do autor.

Celso sabe escoitar a quen lle pode aportar algo. É persoa de mundo, culta e cosmopolita. Leva a política nas veas dende que tivo conciencia de seu. Foi dirixente estudantil de ERGA. Logo estivo no Consello Nacional do BNG (polos non adscritos), mesmo na altura da catástrofe do Prestige (novembro de 2002), onde se implicou a fondo na defensa das costas do Noso País. Relaciónase ben en case todas as frontes; mesmo con parte do que chamamos “Galicia oficial”. Ten moitos amigos e moreas de coñecidos. Persoa chea de sensibilidade, pai de familia entrañábel (as súas fillas adórano), amosa grande capacidade de diálogo. Ademais da súa profesionalidade como médico (antes no Irixo, logo en Coles), foi un dos pioneiros na dignificación da Atención Primaria no mundo sanitario do rural galego.

Castro de Escuadro (Maceda) e a Serra de San Mamede como pano de fondo. Foto: Santiago Prol.

Ecoloxista fidedigno (non dos de salón), estivo na dirección de ADEGA (nomeadamente contra as plantacións masivas de árbores invasoras, das que trouxera sementes (sen mala intención) Frei Rosendo Salvado, dende a afastada Australia, a mediados do século XIX). Fundador e socio da mítica Agrupación Cultural Os Cabaceiros de Maceda. Outrosí activista capital na Fundación Insua dos Poetas, fermoso proxecto abandeirado polo seu amigo Luís González Tosar (presidente do PEN Club Galicia, poeta, columnista e referente cultural). Mesmo exerceu como médico de cabeceira (de xeito altruísta) do Club Ciclista Maceda (que ten corredores recoñecidos a nivel mundial). Foi subdirector da Atención Primaria en Ourense na xeira do Bipartito (2005-09), sindicalista con cargos ao máximo nivel na CIG Sanidade. Membro da xunta directiva do Colexio de Médicos de Ourense (dúas lexislaturas). Outrosí de diversas plataformas.

De esqueda a dereita, Santiago Prol, Francisco Carballo, Celso Sánchez e Bieito Seara en Santa Marta de Tormes (Salamanca), maio de 2014.

O doutor Sánchez é unha persoa íntegra, distinguida e xenerosa. Posicionouse para a alcaldía de Maceda en maio de 2019, dende unha cosmovisión socialdemócrata de nacionalista sosegado. Mesmo participou en Toledo representando ao Concello de Maceda na constitución da COMISIÓN DE POBOS E CIDADES PROMOTORAS DO VIII CENTENARIO DO NACEMENTO DE AFONSO X O SABIO [CIUDADES ALFONSÍES] (pinchar eiquí). O contrato ético (e estético) da súa traxectoria foi o seu mellor aval como candidato ao Senado (nas listas de integración nacionalistas por Ourense arredor da casa común do BNG) para as Eleccións Xerais de novembro de 2019.

Cartaz da candidatura ao Senado do BNG pola circunscrición de Ourense, novembro de 2019.

Preséntase agora como candidato do BNG á alcaldía de Maceda neste 2023, cunha lista electoral dun nivel altísimo con Lucas Domínguez, licenciado en Administración e Dirección de Empresas e empresario; Mª Begoña Conde, licenciada en Empresariais e empregada de banca; Beatriz Cuenca, doutora en Enxeñería Agrónoma, responsábel de proxectos I+D e veciña de Francos; Pablo Seoane, técnico en automoción e veciño de Casasoá; Miguel Anxo González, enxeñeiro técnico en Informática, celador do CHOU e veciño de Asadur; Iria Prol, técnica superior en Administración e Finanzas e estudante de Grao en ADE; Sara Alonso, licenciada en Psicoloxía e traballadora na Escola Infantil de Maceda; Alba Sánchez, Médica de Familia; Xosé Antón Otero, construtor e veciño de Lamas. Pecha a lista titular o amigo Bieito Seara, economista, asesor-xestor, activista, docente, ex alcalde de Maceda e alto cargo no Goberno Bipartito [como suplentes aparecen: o histórico militante nacionalista Cesáreo Borrajo, Xosé Parente, María Conde, Xosé Manuel Gil e Santiago Prol].

Conforma o doutor Celso Sánchez todo un luxo, non sempre ben recoñecido, no panorama da política en xeral e da ourensanía en clave Nosa. ¡Sorte neste novo compromiso coa súa terra de orixe! ¡Enerxía positiva! ¡Saúde e Patria! ¡Sempre!

Candidatura do BNG ao Concello de Maceda, co doutor Celso Sánchez como cabeza de lista. Eleccións Municipais, 2023.
Lista completa da candidatura do BNG ás Eleccións Municipais en Maceda, 2023.
Os comentarios están pechados.