LEMBRANZA POLO PASAMENTO
Xosé Manuel González Pérez, profesor lucense que a finais dos anos 70 traballou no staff do semanario A Nosa Terra, fixo unha lembranza sobre Francisco Carballo no Facebook o 29 de novembro de 2014, xusto o día no que finou en Salamanca con 89 anos de idade. Rescatou o telegráfico texto Xan Carballa, pasóunolo e vulgarizámolo na bitácora. Beizón!:
“Rexo sempre, sorriso e voz de labrego cando viña pola redacción compostelá do semanario A Nosa Terra, na República del El Salvador, mediando a costa. Francisco Carballo conduciu o mitin final na campaña do BN-PG no Pavillón das Travesas en Vigo, cando as Primeiras Eleccións Xerais en xuño de 1977. Foi súa a expresión máis intensa. Pasaba, no nacionalismo, por ser un dos homes máis formados; ora que tamén discreto. Case nunca máis o vin desde finais dos anos 70, pero velaí a lembranza abeirada a aquel final dunha conferencia en Lugo, fronte a un auditorio mozo, predicando a coherencia: Se non sodes cristiáns, polo menos, ¡sede marxistas! En paz estea”.