HOMILÍA FUNERAL EN SALAMANCA

HOMILÍA FUNERAL EN SALAMANCA

Vista xeral aérea do edificio da Congregación San Vicente de Paúl en Santa Marta de Tormes [Salamanca], onde exerceu Francisco Carballo como reitor [1965-73] e tamén finou, o 29 de novembro de 2014, con 89 anos de idade. Imaxe: www.paulessalamanca.es

O día 1 de decembro de 2014, concelebraron a homilía funeral polo falecemento do presbítero ilustrado de Maceda, no megacentro que a Congregación da Misión Vicente de Paúl ten en Santa Marta de Tormes, perto da cidade de Salamanca. A mediados dos anos 60, Francisco Carballo deixou Barakaldo pra asumir un novo reto como reitor do teologado dos Paúles en Salamanca, ao abeiro do arrecendo do Concilio Vaticano II, onde procurou abrir fiestras aos novos teólogos que tanto as demandaban. Exhumamos desta volta [sete anos despois] algúns parágrafos salientábeis daquela homilía funeral:

“Estamos despedindo nesta celebración ao P. Francisco Carballo, que viviu os últimos anos padecendo unha grave enfermidade, que mesmo lle obrigou a escribir ao Padre Visitador, o 25 de setembro de 2013, estas conmovedoras verbas remitidas dende Ourense: “Estou acurralado polo cáncer dobre, a espondilite anquilosante e os 88 anos. A miña situación é de dor, cansazo e mágoa por non poder cumprir os meus deberes do oficio. Estou esgotado e abandonado á miña soidade. Pídolle auxilio, ben en Salamanca, ben en hospitais en calquera sitio. Úrxeme, desculpe, confío; que Deus nos acolla no seu corazón” (…). Estas verbas poñen de manifesto os valores que articularon toda a súa vida: “Son galego de nación; cristián por convicción; rezo: Xesús, marana ta; vén, Señor” (…). “Esta casa, que te acolleu como reitor do teologado, despídete hoxe con dor de corazón, e damos grazas a Deus pola túa vocación e consagración, o teu amor, dende o noso carisma, cuxo lema orientou a túa vida: “Fun enviado pra evanxelizar aos pobres” (…). Querido P. Carballo, confiaches no Señor; que El te acolla no seu corazón. Agora agárdache a coroa da Gloria. Sacerdote, profesor, político, historiador, escritor, etc.; o máis grande, dinos San Paulo, é o amor a Deus; a forza que te impulsou a loitar contra todo tipo de inxustiza. Descansa en paz e no amor do Señor, P. Francisco Carballo, misioneiro Paúl”.

Os comentarios están pechados.