FRANCISCO CARBALLO E OS PARATEXTOS EN AELG.GAL

FRANCISCO CARBALLO E OS PARATEXTOS EN AELG.GAL

Espazo dedicado a Francisco Carballo na biblioteca pública de Maceda que leva o seu nome. Foto: Santiago Prol

Este 29 de novembro cúmprense 8 anos do pasamento de Francisco Carballo, un dos grandes fillos sobranceiros de Maceda. Deixounos [con 89 anos] lonxe da terra, no seu exilio último en Santa Marta de Tormes [Salamanca]. Agora ben, descansa na campa de Asadur [Maceda], pois esa era a súa vontade [coa axuda necesaria da súa sobriña Milagros Calvo Carballo, que fixo valer a súa arela derradeira diante das autoridades dos PP Paúis en Salamanca].

Viñeta do Xosé Lois [O Carrabouxo] dedicada a Francisco Carballo ao abeiro do seu pasamento en 2014.

Reparamos hoxe nos PARATEXTOS [pinchar eiquí] que tiveron a ben inserir na web da Asociación de Escritores en Lingua Galega [aelg.gal]. Alí atopamos máis de cen documentos que axudan a mergullarnos aínda máis na súa traxectoria [artigos, capas, cartelaría, críticas e reseñas, entrevistas, extractos da obra, fotobiografía, homenaxes, obra divulgativa, outras novas do autor na prensa, presentación de libros propios, relatorios…].

Francisco Carballo na Rúa Príncipe de Vigo a comezos dos anos 80 do século pasado. Foto: Xan Carballa

Exhumamos outra volta un deses paretextos da nosa autoría. Xestouse co gallo da homenaxe que lle fixemos en Maceda, o 4 de agosto de 2000, cando tiña 75 anos de idade. Apareceu imprentado no semanario A Nosa Terra o día anterior. Pasaron 22 anos. Resiste ben o paso do tempo, polo que aínda temos moito que facer a prol da súa dignificación. ¡Que lle sexa leve a terra! ¡Beizón!:

“A Galicia oficial ningunea a Francisco Carballo. Non lle concede medallas a quen escribe Castelao contra a manipulación. A Universidade oficial apenas recoñece a Francisco Carballo. Non nomea doutor honoris causa a quen impulsa unha historiografía autenticamente Nosa e promove toda unha escola de historiadores. A Igrexa oficial omite a Francisco Carballo. Ignora con teimosía un dos seus máis prestixiosos especialistas. A Literatura oficial non considera canónico a Francisco Carballo. Non inclúe nas súas escolmas ningún dos seus ensaios. O Xornalismo oficial non lle concede premios a Francisco Carballo. Sabe que non se vende aos poderes de turno. Amósase Francisco Carballo incómodo para os folclorizantes. Asina manifestos e adhesións con outros intelectuais. Publica ensaios comprometidos co Noso País. Reescribe a Historia oficial que nos contaron. Insire certeiros artigos no xornal A Nosa Terra. Non claudica. Faino cunha dignidade exemplar. E sempre, sempre dende a mesma trincheira: a dos bos e xenerosos”.

Placa no cemiterio de Asadur [Maceda]. Foto: Milagros Calvo Carballo

Os comentarios están pechados.